O Concello de Salceda de Caselas deu comezo, esta semana, aos traballos de mellora da Aula Unitaria de Fontán, pertencente ao CRA Raíña Aragonta. As obras, incluídas no Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, contan cun investimento de 26.545,64 euros e permitirán o cambio de tellado do inmoble e a instalación de novos equipos de climatización.
No que á cuberta do edificio fai referencia, a substitución da antiga cuberta de plancha de fibrocemento por tella cerámica, permitirá rematar, dunha vez por todas, coas constantes filtracións de auga, solucionadas no seu momento polo Concello de forma provisional á espera de acometer a esta reparación definitiva.
Pero a substitución da cuberta non queda cinguida á estrutura da mesma, xa que se acometerán os traballos precisos para dotar ao centro dun illamento térmico e acústico adecuado, a instalación de falsos teitos e a mellora de toda a instalación eléctrica.
Doutra banda, o proxecto inclúe tamén a instalación dun sistema de climatización enerxeticamente eficiente que substituirá ao sistema de radiadores eléctricos que, en moitas ocasións nos meses máis duros do inverno, resultaban claramente insuficientes. Este novo sistema, amais de mellorar as condicións de comodidade tanto para o alumnado coma para o profesorado, permitirá un aforro enerxético considerable.
Finalmente, a aula será dotada dun sistema de alarma ao igual que se está a facer no resto de Escolas Unitarias do municipio.
As obras, tal e como anunciara no seu momento a concelleira de Ensino, Tere Pérez, realízanse aproveitando ás vacacións de verán co obxectivo de que a Aula Unitaria de Fontán, estea plenamente operativa ao comezo do novo curso escolar.
Cómpre salientar que esta aula acolle a nenos e nenas con idades entre os 3 e 5 anos da parroquia de Parderrubias “nun modelo de ensino integrador que Salceda mantén nas sete parroquias con moi bos resultados”, puntualiza Tere Pérez.
Os traballos que agora se están a realizar, subliña o alcalde de Salceda, Marcos Besada, “son o mellor exemplo da aposta deste Goberno polo ensino público e de calidade”. A importancia que o Goberno de Salceda lle da ao ensino público, engade Besada, “fai que ás veces asumamos melloras que lle corresponden á Xunta de Galicia, pero temos claro que, para nos, o benestar dos nenos e nenas é a primeira das prioridades”.