Salceda consolida a diminución do desemprego. Dende o 2007 recuperaronse un 60% dos postos de traballo.

Salceda de Caselas ven de consolidar, no mes de xullo, a tendencia á baixa que, dende comezos de ano, experimenta o número de persoas en situación de desemprego. Dende o mes de xaneiro, un total de 140 persoas atoparon traballo das que 66 son mulleres e 82 homes.

En total son 431 persoas menos en situación de desemprego que no ano 2012, ano no que se rexistrou o maior índice de desemprego no municipio.

A consolidación de emprego en Salceda de Caselas queda reflectida no feito de que dende xullo de 2007 (no que se perderan un total de 716 empregos) ata o día de hoxe, o municipio recuperou un total de 431 postos de traballo nun crecemento próximo ao 60%.

A Concelleira de Emprego e Formación, Loli Castiñeira, amosaba a súa satisfacción polos datos rexistrados dende comezo de ano “que marcan unha tendencia constante á baixa no número de desempregados” aínda que apuntou a necesidade de “non baixar a garda e seguir fomentando, dende o Concello, políticas activas na loita contra o desemprego”.

Nese sentido, a Concelleira insistiu na importancia que teñen “as accións formativas que se desenvolven dende o CDL O Torrón, que posibilitan que os nosos veciños e veciñas en situación de desemprego, conten coa preparación necesaria para poder acceder a un mercado de traballo cada día máis competitivo”.

Tamén o alcalde de Salceda, Marcos Besada, quixo destacar a importancia do traballo que desenvolve o CDL O Torrón do que, dixo, “é unha ferramenta imprescindible non só á hora de formar aos veciños e veciñas en situación de desemprego, senón tamén á hora de axudar aos emprendedores e emprendedoras a atopar novos mercados, desenvolver novas iniciativas e orientalos/as na procura das distintas liñas de axuda existentes”.