A Picoña

Nesta parroquia ten nacemento o río que dá nome ao noso concello, o Caselas, que dende a área de San Cibrán transcorre a través do municipio.

O nome da Picoña probablemente derive de pico-pic, que os celtas empregaban co significado de punta de pedra. Tamén se pode deber a unha especie de pico de canteiro que leva por nome picola, ou a unha ferramenta de madeira cuxo uso ía destinado á apertura de ourizos dos castiñeiros que se coñecía como picoña.

O punto de maior interese da parroquia atopámolo no Pazo da Picoña, mandado facer por Luis Troncoso de Lira.

A parroquia é atravesada pola Ruta dos Montes de San Cibrán que ten como inicio a área do Rubal, final da senda Etnográfica do Río Caselas.