Entroido

En Salceda celébrase un dos Entroidos máis antigos de toda Galiza, que vén enfrontando tradicionalmente aos barrios de A Feira e Castro Barreiro. Trátase de dous pequenos barrios (que pertencen á mesma parroquia), que son quen de organizar sendas verbenas o luns e o martes, en torreiros apenas separados por uns poucos metros, para competir por teren as mellores orquestras, a iluminación máis vistosa, o son máis potente, etc.

O martes de entroido, festivo local en Salceda, as carrozas e as comparsas destes dous barrios vense as caras no centro da vila despois de meses de duro traballo no máis absoluto dos segredos, durante os cales funciona o servizo de espionaxe para obter datos das temáticas e contidos do barrio rival. Todo é rivalidade: os traxes, a música, as coreografías, as carrozas, a potencia do son, etc.

Este entroido tradicional complétase cada ano coa programación municipal, na que destaca o desfile de carrozas e comparsas que se organiza na tarde do domingo, e que acolle a centos de participantes que amosan o seu traballo ante milleiros de persoas polas rúas da Esfarrapada.