Salceda terá unha capela adicada ao Cristo das Angurias

TER_2597 OK copia

A parroquia de Santa María contará a partires do vindeiro ano cunha capela adicada ao Cristo das Angurias, ubicada nun baixo da rúa Vigo, no casco urbano de Salceda. A diocese de Tui-Vigo ven de adquirir dito baixo en cumprimento da palabra dada á familia que nos anos 90 donara un terreo á Igrexa para este fin. O terreo, ubicado onde hoxe se atopa o Parque Raíña Aragonta, foi expropiado no seu momento para a construcción do mencionado parque, deixando así sen posibilidade de construcción da ansiada capela.
Agora, investindo o cobrado pola expropiación, a Igrexa ven de adquirir un baixo no que se ubicará a capela así como locais pastorais para xuntanzas e xornadas de traballo. Trátase dun local de 300 m2, aos que hai que sumarlle outros 100 m2 de terraza. As celebracións relixiosas seguirán a celebrarse na Igrexa Parroquial de Santa María, reservándose a futura capela como lugar de oración e de traballo, que permanecerá aberta para tódalas persoas que queiran achegarse.
A capela e os locais complementarios ofrecerán servizo tanto á parroquia de Santa María (a máis grande de Salceda), como ás parroquias da contorna.
Jesús Martínez, vigairo de economía da diocese de Tui-Vigo, e Fran Ojosnegros, párroco de Santa María, reuníronse esta semana coa Alcaldesa, Loli Castiñeira, para expoñerlle o proxecto e comezar os trámites para poder acometer as obras de acondicionamento canto antes, para que o local poida estar dispoñible no ano 2020.

Gabinete de prensa, 25 de xullo de 2019