O novo centro de saúde estará operativo en 2020

TER_2326 copia

O equipo de goberno de Salceda visitou esta semana as obras de construcción do novo centro de saúde, na Rúa Mártires de Sobredo. O encargado da construcción do edificio trasladoulles á alcaldesa e aos concelleiros e concelleiras que a acompañaron o estado actual das obras, que avanzan a bo ritmo, e que neste momento se atopan no proceso de instalación dos elementos precisos para os diferentes suministros: electricidade, auga, climatización, gas, etc.
As previsións apuntan a que no verán de 2020 o novo edificio poida entrar en funcionamento, pechando así o actual centro de saúde ubicado na Rúa Compostela que a duras penas cumpre co seu cometido na actualidade.
O novo edificio conta con unha superficie total de 1.321,11 m2, dividida en dúas plantas, aos que hai que sumar 168 m2 de espazos exteriores descubertos. A nova instalación albergará dúas consultas de pediatría, unha consulta de enfermería de pediatría, 5 consultas de medicina xeral con cadansúa consulta de enfermería anexa e unha consulta de matrona. No exterior do edificio o Concello de Salceda executou xa as obras de urbanización da Rúa Mártires de Sobredo, incluídas no Plan Concellos 2017.
Gela Ledo, Concelleira de Sanidade: “ademais da posta en marcha do edificio, solicitaremos á Xunta de Galicia que se dote do persoal e material precisos para que o servizo ás veciñas e veciños sexa o que lle corresponde á nosa poboación”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “as obras avanzan a bo ritmo, e alegrámonos da previsión de apertura en tan só uns meses. O novo centro de saúde de Salceda será unha realidade no ano 2020”.

Gabinete de prensa, 26 de xullo de 2019