Solicitado un programa de emprego para atender a 100 persoas

O Concello de Salceda de Caselas ven de solicitar unha subvención de 250.000 € á Xunta de Galicia para poñer en práctica un Programa Integrado de Emprego que beneficiaría a 100 persoas desempregadas do municipio. O plan acollería persoas desempregadas de sectores diversos: discapacidade, risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, mulleres, etc., presentando un obxectivo de inserción laboral dun mínimo do 40% das persoas participantes.
As persoas beneficiarias participarían nun mínimo de cinco accións individuais e tres accións de distinta natureza de xeito activo durante os 12 meses de duración do programa. Ademais da formación que se agrupa en catro itinerarios formativos: Administración e atención ao cliente, almacén, produción industrial e hostalería, ademais prácticas en empresas da zona coas que o Concello establecerá convenios de colaboración para cumprir co compromiso de inserción marcado.
O Concello de Salceda conta cunhas instalacións idóneas para levar a cabo este tipo de programas no Centro de Desenvolvemento Local do Torrón, onde se establecería o programa e as técnicas que atenderían ás 100 persoas participantes. No caso de ser concedida esta iniciativa sumarase ás iniciativas municipais que nos próximos meses porá en marcha a concellería de emprego.
Verónica Tourón, alcaldesa accidental e responsable da área de emprego e formación: “esperamos que a Xunta atenda a nosa petición e poidamos poñer en marcha este programa necesario para as persoas demandantes de emprego do noso concello, xa que é un programa integral de formación, prácticas e inserción laboral”.

Gabinete de prensa, 31 de xullo de 2019