Salceda apela á responsabilidade veciñal para manter limpo o entorno

20190620_132046

O Concello de Salceda de Caselas lémbralle á veciñanza que conta cun servizo semanal de recollida enseres voluminosos para uso particular, polo que aqueles veciños e veciñas que precisen desfacerse de algún moble, electrodoméstico ou similar, poden poñerse en contacto co Concello para solicitar a recollida do mesmo.
Lembran tamén dende o Concello que é obrigatorio avisar antes de depositar os obxectos na rúa, e que estes deixaranse unicamente nos puntos comunicados e autorizados polo Concello. Nos últimos tempos estanse a multiplicar os casos de abandono de enseres nas vías públicas sen notificación previa, producindo unha imaxe pouco apropiada das rúas da vila, en moitas ocasións en pleno casco urbano e nas fins de semana ou nos días de festa.
O servizo de recollida de enseres é un servizo público e gratuito ao que pode acceder calquera veciño ou veciña de Salceda, polo que o Equipo de Goberno insta á veciñanza a facer un uso apropiado do mesmo, e a non depositar obxectos na rúa sen aviso previo, obxectos que en moitas ocasión pasan días nas vías públicas ata que alguén dá aviso do mesmo para que o servizo de vías e obras do Concello proceda á súa retirada.
Así mesmo, denuncian dende o Equipo de Goberno a situación que se está a dar co servizo de reciclaxe de cartón, xa que en moitas ocasións as caixas de cartón son depositadas enteiras ó lado dos contedores, en vez de desmontadas dentro dos mesmos, dando tamén unha imaxe de suciedade pouco acaída para a vila.
O Concello de Salceda de Caselas conta cunha ordenanza de ornato público que establece diferentes sancións para quen a incumpla. Dende o equipo de goberno apelan á responsabilidade da veciñanza para manter o entorno limpo e nas mellores condicións medioambientais sen necesidade de recurrir a este tipo de sancións.

Gabinete de prensa, 24 de xullo de 2019