Salceda completará a humanización de Fernández Sestelo con 150.000 €

O Concello de Salceda de Caselas levará a cabo o proxecto de reurbanización da Rúa Joaquín Fernández Sestelo, no seu tramo entre o entronque coa rúa Compostela e a Praza da Devesa, completando deste xeito o proceso de humanización de toda a rúa, xa que nos últimos anos xa se ten actuado nos tramos entre a Praza do Concello e a Rúa Compostela, así como na zona da Praza da Devesa.
O proxecto conta cun orzamento de 150.652,93 € que foi xa presentado na solicitude do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, e que se iniciará unha vez o ente provincial comunique a súa aceptación.
Trátase dunha actuación que afectará a un total de 996,50 m2, co principal obxectivo de ganar espazo para o tráfico peonil garantindo deste xeito a accesibilidade universal nos espazos públicos, e facendo máis atractivo un espazo comercial coma este. A obra ademais incluirá a renovación do sistema de recollida de pluviais, así como da rede de saneamento e abastecemento, e suporá unha solución definitiva aos problemas de organización de tráfico existentes, nunha zona na que a diario se forman atascos por mor de aparcamentos irregulares en dobre fila. O proxecto incluirá unha zona verde de aparcamento que permita estas pequenas paradas de non máis de 10 minutos.
O equipo de goberno pretende completar deste xeito a humanización da principal rúa de entrada ao municipio, seguindo deste xeito o camiño de recuperación de espazos para o tráfico peonil iniciado no ano 2007, e que xa leva acometido numerosas actuación nas rúas do casco urbano: Praza do Concello, Victoriano Pérez Vidal, Avenida de Galicia, Rafael Tilve, Rúa Coruña, Rúa Compostela, Praza da Devesa, Rúa da Gándara, e a mencionada Joaquín Fernández Sestelo. Ademais trabállase xa nos próximos proxectos, que afectarán ás rúas Ador e Vigo.
Miguel González, Concelleiro de mobilidade: “Salceda avanza na senda de traballo recollida no Plan de Mobilidade Sustentable. Estamos ante un proxecto fundamental por ser o de entrada a Salceda, completando deste xeito as actuacións de mellora da mobilidade no acceso á vila”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Seguimos o libro de ruta iniciado no ano 2007 de recuperación de espazos para as persoas e de transformación da vila. A nosa prioridade son os colectivos máis vulnerables, como o da infancia, a terceira idade ou as persoas con mobilidade reducida, e somos conscientes de que actuacións como a que agora imos executar e que se suman ás xa realizadas, contribúen a mellorar a calidade de vida e a autonomía persoal de todos estes colectivos”.
Gabinete de prensa, 11 de maio de 2021