Salceda e As Neves asinan un convenio para compartir infraestruturas medioambientais

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, asinaron este venres, na compaña dos concelleiros de Medioambiente dos dous concellos, Rubén González e Óscar González, un convenio que regula a cesión gratuita, por parte das Neves, dunha máquina trituradora de refugallos de poda e reciclaxe de refugallos vexetais. O mesmo convenio contempla tamén a cesión do uso dun vehículo de recollida de lixo, durante o período en que se atope avariado algún dos vehículos dos que dispón o Concello de Salceda.

O alcalde das Neves lembrou que a colaboración entre os dosus concellos que comezara no anterior mandato, “mantíñase vivo dende hai semanas e queda renovada agora”. Xose Manuel Rodríguez salientou a importancia de acordos coma este que “serven para que os traballos institucionais teñan como principais beneficiarias as persoas que viven no noso territorio”. Rodríguez apostou polo “uso intelixente dos recursos cos que conta o Concello das Neves para que sirvan á veciñanza de Salceda, e os que ten Salceda para beneficiar á cidadanía das Neves”.

A alcaldesa de Salceda de Caselas amosouse “moi satisfeita de que sexa posible seguir estreitando lazos de colaboración tan necesarios e de que consigamos avanzar na optimización de recursos”. Loli Castiñeira apuntou que “o primeiro dos convenios de cooperación entre Salceda e As Neves nesta lexislatura foi o do servizo de Atención Temperá, que atende a nenas e nenos de 0 a 6 anos dos dous concellos e que foi renovado este mesmo ano, co obxectivo de seguir dando resposta ás necesidades destas nenas e nenas”.

Castiñeira engadiu que “se antes era Salceda quen prestaba o seu camión de lixo ás Neves, agora beneficiámonos deste camión e desta trituradora que nos axudará a cumprir os obxectivos de coidado do medioambiente dentro do Plan Revitaliza, da Axenda 2030 e do Pacto das alcaldías para o Clima e a Enerxía (PACES)”.