O Concello de Salceda de Caselas participa esta semana na campaña da DXT para control e vixilancia do transporte escolar. Os axentes da Policía Local serán os encargados de facer as inspeccións pertinentes nos autobuses que transportan o alumnado tanto ao CEP Altamira como ao IES Pedras Rubias. No caso de Salceda, uns 500 nenos e nenas de entr6 6 e 18 anos empregan este servizo a diario.
Dende o curso escolar 2007-2008, tódolos vehículos dedicados ao transporte escolar deben cumprir os requisitos que se recollen no RD 443/2001 de 27 de abril sobre condicións de seguridade no transporte escolar e de menores. Nel establécense diversos requisitos como a obrigatoriedade de que o alumnado de primaria vaia acompañado no autobús por unha persoa debidamente cualificada, a antigüidade máxima dos vehículos dedicados a este tipo de pasaxeiros/as, o seguro de responsabilidade civil ilimitado ou a obrigatoriedade de levar sinal de transporte escolar, entre outros.
Durante o desenvolvemento da campaña, que se levará a cabo entre os días 27 de novembro e 1 de decembro, os axentes intensificarán as inspeccións sobre os vehículos destinados ao transporte escolar, comprobando que as autorizacións e documentos que deben ter devanditos vehículos sexan os correctos para a prestación do servizo. Así mesmo, os axentes verificarán que as condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa, así como os requisitos especiais que debe cumprir o/a propio/a condutor/a, como son o permiso de condución ou os tempos de condución e descanso.
No caso de Salceda, os axentes revisarán tamén que a capacidade dos autobuses sexa a axeitada para o número de alumnos/as a transportar, logo dos incidentes producidos no principio deste curso escolar, cando os autobuses non contaban con prazas suficientes para o alumnado que debían transportar.