Salceda sinaliza as súas parroquias

O Concello de Salceda vai acometer a sinalización das súas sete parroquias a partir de mañá mércores. Máis de cen sinais vanse distribuír ao longo do municipio, para o cal o Concello ten adxudicada unha partida de 40.000 € de fondos propios nos Orzamentos deste ano 2014.

As indicacións farán referencia ás diferentes parroquias, así como aos puntos de interese de cada unha delas: áreas recreativas, colexios, centros culturais, igrexas, cemiterios… As parroquias que aglutinarán unha maior parte das mesmas son Soutelo, Budiño e Parderrubias, pola súa complexa distribución da rede de estradas, así como polas diferentes ubicacións dos puntos de interese.

Jose Luis González, Concelleiro de Tráfico, e Marcos Besada, Alcalde de Salceda, visitaron esta mesma mañá as instalación da empresa que está a elaborar os sinais, comprobando in situ que todo está preparado para que mañá mércores den comezo as obras de instalación dos mesmos, tal como estaba previsto.

A que agora se acomete é unha obra pendente durante anos e moi demandada tanto polos salcedenses como polos visitantes, que atopaban serias dificultades á hora de chegar a diferentes puntos do municipio. Salceda é un Concello eminentemente rural onde unha sinalización adecuada se vai imprescindible no día a día.

Jose Luis González, Concelleiro de Tráfico: “Non podíamos seguir máis tempo nesta situación. Estamos a falar dunha obra fundamental para o municipio, e sobre todo para as parroquias do mesmo, que ven así saldada unha débeda histórica con elas”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Pasiño a pasiño seguimos a traballar na Nova Salceda que estamos a construír para todos e todas. Este investimento vai mellorar as sete parroquias do municipio, que por fin van ter unha rede de sinalización axeitada”.

 

Gabinete de prensa, 9 de decembro de 2014