A ANPA do colexio Altamira xunto coa concellería de Ensino e Infancia de Salceda de Caselas presentan o Campamento de Verán que se desenvolverá entre os meses de xuño a setembro.
As inscricións, para as 140 prazas ofertadas para nenas e nenos de 3 a 12 anos, poderán realizarse en liña a través da páxina web do concello http://salcedadecaselas.gal/ ou presencialmente na Casa da Cultura ata o 15 de xuño.
Un dos obxectivos fundamentais deste campamento de verán está centrado na conciliación familiar e laboral, incluíndo aula matinal, aula tardía e comedor. Salientar tamén a importancia que ten este campamento para facilitar as relacións interpersoais, crear espazos de convivencia, fomentar hábitos saudables e o traballo en equipo entre a cativada participante.
A temática está relacionada principalmente co ARTE, e os nenos e nenas poderán gozar de actividades relacionadas coa pintura, escultura, collage e futurismo, ademais da participación en obradoiros de experimentos, teatro, danza ou cociña.
Igualmente realizaranse actividades deportivas como xincanas, saídas á piscina e a diferentes lugares do municipio para practicar o sendeirismo.
O campamento xira arredor da idea de que nenas e nenos de Salceda poidan gozar ao máximo do seu tempo de vacacións e lecer no noso propio concello, convivindo, gozando de actividades e aproveitando para coñecer distintos lugares do municipio.
Gabinete de prensa 26 de maio de 2022.