Salceda terá Mesa Local de Violencia de Xénero.

O Concello de Salceda de Caselas ven de convocar para o vindeiro 30 de maio a que será a constitución da súa Mesa Local de Coordinación interinstitucional fronte a Violencia de Xénero. A mesa estará formada por representantes dos diferentes grupos políticos da corporación (PSdeG, MS e PP), así como por representantes dos diferentes corpos de seguridade do Estado e das institucións e organismos que se considere preciso.

En novembro de 2020 Salceda converteuse no primeiro Concello da provincia en renovar o protocolo Viogen e asinalo ante a subdelegada do Goberno, Maica Larriba e o Coronel Xefe Simón Venzal.

Este programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero, busca a coordinación de todas as forzas e corpos do estado  para protexer aquelas mulleres que o necesitan, con anticipación e resultados efectivos.

En xaneiro de 2021 asinouse un protocolo co Ministerio do Interior, no que se recolle a necesidade de constituír a  Mesa de Coordinación que agora se fai efectiva, e que se convocará de xeito ordinario cada seis meses e de xeito extraordinario sempre que sexa preciso.

O obxectivo desas reunións de coordinación é o seguimento das situacións de violencia de xénero no municipio, distribución de tarefas entre as partes implicadas e resolución dos problemas que se poidan estar a producir relacionados ca protección ou coa asistencia e atención as vítimas.

Loli Castiñeira, Concelleira de Igualdade: A constitución desta mesa é un paso importante para a protección das posibles vítimas de violencia de xénero, e un proceso no que os diferentes grupos políticos da corporación e o resto de organismos implicados temos que ir da man coa mirada posta de xeito unánime nas vítimas, non cabe outra opción”.

Verónica Tourón Alcaldesa: As entidades locais de forma institucional teñen que establecer mecanismos de coordinación e planificación que  presten a axuda e atención debida ás mulleres vítimas de violencia, trasladando á sociedade unha imaxe de firmeza e total rexeitamento contra a violencia de xénero dende o noso concello.

 

Gabinete de Prensa a 24 de maio de 2022.