O Concello de Salceda de Caselas ven de presentar a XXII edición da Festa dos Callos, que se celebrará o vindeiro 7 de setembro. Na presentación, ademáis de Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, e Marcos Besada, alcalde de Salceda, estiveron tamén presentes Alejandro Alonso e Manuel Gómez en representación da empresa Frigolouro e Antonio Méndez das bodegas Señorío de Rubiós. O domingo despacharanse en torno a 20.000 racións de callos dende as 9:30 ata as 15:30. As racións custarán 7 €, nas que se inclúen ademáis dos callos, o pan, o viño, a taza e a cazola conmemorativa. Haberá tamén a opción de levar racións para casa, a un prezo de 5 €, o que xa se coñece en Salceda como “callos á tarteira”. A festa complétase con unha ampla programación cultural dende o venres 5 ata a noite do domingo 7.
Alejandro Alonso, xefe de cociña do equipo de Frigolouro dixo que este ano se van preparar unhas 20.000 racións de callos. Así mesmo, reiterou que ninguén que desexe probar os callos se vai ir sen facelo, porque están preparados para satisfacer toda a demanda que se presente. Para preparalos utilizará 1600 kilos de ventre vacún, 950 kg de pata de tenreira, 400 kg de lacón curado, 350 kg de chourizo e 2400 kg de garbanzos.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, presentou a programación que acompañará a festa, apostando por unha programación que se alongue dende o venres ata a noite do domingo, facendo así que Salceda atraia a máis visitantes se cabe nunha fin de semana intensa. A Concelleira aproveitou para convidar ao público a asistir na noite do sábado ao VIII Serán dos Callos, aproveitando así para ver xa a preparación na mesma Praza do Concello dos callos que se servirán o domingo, e que se cociñan dende as 02:00 da madrugada para que estean listos en torno ás 08:30.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou que con esta festa péchase o ciclo festivo do verán. O alcalde lembrou que se espera a presencia dunhas 20.000 persoas e agradeceu a implicación do persoal do Concello así como dos máis de 30 voluntarios que traballarán na festa. Tivo tamén palabras de agradecemnto para a empresa Frigolouro, encargada da elaboración do prato.
Programación:
Venres 5 de setembro:
V Salceda HIP HOP
Sábado 6 de setembro:
21:00 Teatro: Sede de mal
22:00 VIII Serán dos Callos
Domingo 7 de setembro
09:30 Apertura de taquillas e despacho de callos
11:00 Charanga SGHAE
12:00 Lectura do pregón a cargo de Luis Iglesia e Xavier Deive
18:00 Xogos xigantes para toda a familia
21:00 Ce Orquestra Pantasma
I Feira de agricultura ecolóxica e Feira de artesanía na Praza de Abastos