Salceda convertirá a antiga escola de Vendanova nun centro terapéutico para maiores

O Concello de Salceda ven de solicitar a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a financiación para a realización da primeira fase da rehabilitación da antiga escola de Vendanova para albergar un centro de estimulación terapéutica para persoas con alzheimer e outras demencias neurodexenerativas. Nesta primeira fase compréndese a xustificación das obras de consolidación estrutural, contemplándose os traballos de demolición, estrutura, cuberta, carpintería exterior e conexións de saneamento e auga.
A escola de Vendanova fora construída nos anos 50, e trátase dun edificio de 254 m2 repartidos en dúas plantas. Con este proxecto mantéñense as fachadas e o acceso, pero modifícase a distribución interior para adaptala ás novas necesidades. O servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia emitiu xa o seu informe favorable ao proxecto, polos que as obras poderían comezar de inmediato.
Para este proxecto, o Concello conta co asesoramento da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA). O obxectivo é o de poder desenvolver unha ampla estrutura de programas e actividades, así como a oferta de servizos de información e asesoramento, formación, apoio psicolóxico e terapéutico, apoio á asistencia persoal e asesoramento legal.
Esta primeira fase da rehabilitación conta con un orzamento de 61.058,77 € que o Concello acometerá dentro do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.
O Concello de Salceda, por medio de AFAGA, leva anos ofrecendo actividades para as persoas enfermas de alzheimer e outras demencias. Calcúlase que uns 200 veciños e veciñas de Salceda padecen algunha demencia neurodexenerativa, polo que este tipo de programas resultan fundamentais, na procura do seu máximo benestar, proporcionándolles as ferramentas e o apoio necesarios para a súa consecución nos aspectos físicos, psicolóxicos, sociais e familiares e desenvolvendo ao máximo as súas capacidades persoais, dentro do respecto á autonomía persoal a través dunha atención individualizada.
Tere Pérez, Concelleira de Benestar Social: “Apostamos por apoiar ás persoas que máis o precisan, así como ás súas familias, e facémolo traballando man a man coas asociacións e profesionais para así mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguimos a recuperar os espazos e edificios públicos para poñelos ao servizo das persoas, e seguimos a traballar polas políticas de benestar social e igualdade. Salceda terá un centro de día para a atención das persoas que padecen enfermidades e transtornos como o alzheimer, cada vez máis frecuentes na nosa sociedade”.

Gabinete de prensa, 20 de novembro de 2018