200 novas prazas de aparcamento gratuíto na Devesa

O Concello de Salceda de Caselas está a rematar a adecuación dunha nova zona de aparcamento no entorno da Praza da Devesa. O novo espazo, que suma máis de 6.000 metros cadrados e supón a creación de 200 novas prazas de aparcamento gratuíto en pleno casco urbano, estará dispoñible para ser usado nas vindeiras semanas. Estes proxectos lévanse a cabo grazas á colaboración dos propietarios e propietarias dos terreos que, en diálogo constante coa Alcaldía e coas Concellarías de Tráfico e Vías e Obras, ceden o uso dos mesmos de xeito totalmente altruísta para a creación de novas prazas de aparcamento públicas.
Con este son xa 14 os aparcamentos esparcidos por todo o núcleo urbán en zonas comerciais e administrativas. Estas áreas resultan fundamentais para a axilización do tráfico e para seguir a conseguir unha maior calidade de vida na vila. Esta nova actuación responde ao previsto no Plan de mobilidade sustentable de Salceda, na procura de permitir o estacionamento práctico, cómodo e gratuíto para os espazos recuperados no centro da vila.
Miguel González, Concelleiro de Vías e obras: “seguimos a ordenar un casco urbano castigado durante anos pola construción descontrolada e as rúas estreitas. Damos un paso máis no noso obxectivo de conseguir unha vila sen atrancos nin restricións”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa accidental de Salceda: “a colaboración da veciñanza resulta fundamental para seguir a poñer estes espazos a disposición de salcedenses e visitantes. Seguimos a mellorar a calidade de vida en Salceda, sen esquecernos en ningún momento da potenciación do comercio que se consegue con accións deste tipo”.

Gabinete de prensa, 15 de novembro de 2018