O Concello de Salceda contratará, dende o vindeiro venres 31 de marzo un total de 13 veciñas e veciños en situación de desemprego ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
As prazas que se van cubrir, son as de 1 animador sociocultural, 1 orientadora profesional para a inserción, 2 albaneis, 4 persoas de limpeza, 2 desbrozadores, 1 condutor de camión, 1 administrativa e 1 técnica de administración local. Segundo o previsto, os contratos irán dende o 31 de marzo ata o 31 de decembro de 2017.
A Concelleira de Formación e Emprego e primeira tenente de alcalde do Concello de Salceda, Loli Castiñeira, sinalaba a importancia desta nova quenda de contratacións “que contribuirán a paliar a dura situación que viven moitos dos nosos veciños e veciñas que están en situación de desemprego”.
Por outra banda, as contratacións servirán para dar cobertura ás demandas da veciñanza, cubrindo as necesidades dos servizos básicos xestionados dende o propio Concello, tanto dentro como fora das instalacións municipais.
O Equipo de Goberno destacou a transparencia de todo o proceso, así como a igualdade de oportunidades. Mostra delo é que das 13 persoas contratadas solo unha traballou previamente no Concello de Salceda, sendo as 12 restantes a primeira ocasión en que teñen oportunidade de formar parte da plantilla municipal.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “a partir do venres 13 veciños e veciñas de Salceda contan con unha oportunidade de traballo moi necesaria en cada un dos casos. A transparencia coa que se levou a cabo todo o proceso garante que as persoas seleccionadas sexan merecedoras do posto, e que accedan ao mesmo en igualdade de oportunidades co resto de candidatos/as”.