Salceda prioriza as solicitudes dos veciños e veciñas nos Proxectos presentados ao Plan Concellos 2017

O Concello de Salceda de Caselas ven e presentar as súas propostas para realizar dentro do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra. Os proxectos responden a diversas solicitudes realizadas polos veciños e veciñas do municipio, así como polos grupos da oposición a través do Rexistro Municipal.

Acometeranse obras en diferentes áreas, priorizando as diferentes solicitudes recibidas, os compromisos electorais do Equipo de Goberno, así como as obrigas contraídas polo Concello de Salceda, como no caso da primeira fase da urbanización do PERI UE 2 no que se construirá o novo Centro de Saúde, e para o cal se destina a maior partida do Plan Concellos (200.000 €).

Continuando co Plan de Sendas Fluviais que está a levar a cabo o Equipo de Goberno, acometerase  un novo tramo de paseo de 789 metros no Río Landres entre O Seixo e o Muiño da Pereira, que servirá de unión entre os tramos xa existentes no Río Landres e no Regato da Lagoela. Para este proxecto destínase un total de 105.205,18 €.

Dando resposta a unha solicitude feita polos veciños e veciñas do barrio de Pegullal, así como a unha pregunta formulada en Pleno polo PSOE, proponse tamén unha actuación de ordenación da zona do Rubás para uso recreativo. Co proxecto búscase a recuperación do entorno da “Mina” e a “Fonte de Rubás”, e a posta en valor dunha zona pública no entorno do Pazo de Pegullal, de gran interese como área recreativa. Neste caso destínase un total de 45.169,05 €.

No campo do ensino proponse a mellora da Aula de Fontán do CRA Raíña Aragonta, que presenta actualmente varias necesidades de urxente solución. Tamén neste caso os grupos da oposición tiñan trasladado diversas peticións ao respecto, ás que agora se lles dá resposta. As melloras consistirán fundamentalmente no cambio de tellado da aula así como na instalación dun equipo de calefacción axeitado, para o cal se destinan 26.545,64 €. Complétanse as actuacións en ensino co suministro de equipos de alarmas para as sete aulas existentes nas parroquias, nas que continuamente se están a producir roubos que se espera se solucionen con esta medida, que vai supoñer 2.964,50 €.

Por último proponse unha partida para suministros na que se adquirirán diversas ferramentas e maquinaria para o departamento de vías e obras, así como a compra de contedores de reciclaxe e bancos para os espazos públicos. Neste caso o investimento será de 19.987,89 €.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Presentamos unha serie de propostas baseadas nas diferentes solicitudes recibidas ao longo do ano polos veciños e veciñas de Salceda, así como polos grupos da oposición. Con estas iniciativas damos resposta a moitas desas solicitudes ao tempo que garantimos que as inversións van destinadas a proxectos necesarios para garantir e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza.