Salceda de Caselas celebrou o pasado sábado 24 de outubro unha xornada na que a solidariedade foi a protagonista. A finalidade, neste caso, era a de recadar fondos para a loita contra o cancro. A partir das nove da noite, na Praza do Concello, máis dun centenar mulleres participaron nunha exhibición de Zumba, nunha iniciativa da Concellería de Sanidade do Concello de Salceda que dirixe Loli Castiñeira.
Baixo a supervisión de Noelia Rodríguez, Maggy Afonso, Nico Afonso e Cristina Gómez, a Zumba contra o cancro supuxo un xeito de concienciar a todos os asistentes na necesidade de tomar parte activa na loita contra unha enfermidade que, grazas a iniciativas como estas, pouco a pouco vai atopando vías de saída. Na exhibición participaron alumnas dos catro instrutores, así como outras mulleres e homes que quixeron sumarse ao evento.
Na mesma Praza do Concello instalouse un posto que vendeu máis de 150 camisetas cuxa recadación irá destinada á Asociación Española contra o Cancro. O pobo de Salceda, que sempre se caracterizou pola súa solidariedade e apoio aos que máis o precisan, secundou, sen dúbida algunha, esta iniciativa tan solidaria como necesaria.
Para levar a cabo a iniciativa contouse ademais coa participación do Banco de Voluntariado Municipal, que se encargou tanto da decoración e preparación do evento como da venta das camisetas.
Na apertura do acto produciuse un dos momentos máis emotivos, cando Nati Rodríguez, unha muller que superou un Cancro de Mama sendo moi nova, se encargou da lectura dun manifesto elaborado pola Asociación Española contra o Cancro e o Concello de Salceda de Caselas.
Loli Castiñeira, Concelleira de Sanidade: “Non tíñamos ningunha dúbida de que a sociedade salcedense iba responder ante esta iniciativa, pero unha vez máis sorprendémonos da enorme participación conseguida. O Cancro está a ser unha enfermidade debastadora, pero cada vez máis a detección precoz e os avances en investigación están a conseguir uns resultados máis alentadores”.