A praza de abastos de Salceda segue a ser o principal punto de abastecemento de produtos frescos en Salceda durante o estado de alarma. O mercado mantén a súa actividade diaria de venta de carne, peixe fresco e froita, así como o servizo de bancadas dos mércores para a venta de peixe.
Dende o Concello adoptáronse as medidas de seguridade precisas como o control do aforo que se realiza os mércores por parte da policía local e protección civil, garantindo deste xeito a seguridade das persoas que se acheguen ao edificio a facer as súas compras de producto fresco.
Ademais os diferentes postos fixos da praza teñen establecido un sistema de encargas e de servizo a domicilio, evitando tamén deste xeito as esperas no inmoble, e minimizando así os riscos de contaxio que poidan producirse.
Verónica Tourón, Concelleira de comercio, lembrou que “A veciñanza pode seguir a contar con este servizo, ofrecéndolle toda a garantía posible nestes días. A praza de abastos de Salceda segue a ser símbolo da venta de producto fresco e de calidade, e dende o Concello poremos todas as nosas ferramentas para que a actividade poida seguir a desenvolverse con seguridade. Os mércores seguen a ser día de venda de peixe fresco en Salceda.”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “en tempo de estado de alarma faise fundamental o apoio ao comercio local, polo que dende o Concello xa temos aprobado medidas económicas como a suspensión das taxas das terrazas ou o aprazamento das taxas do mercado municipal. Servizos como a preparación de pedidos por encargo ou o repartos domicilio contribúen a que a nosa praza de abastos poida seguir a abastecernos nestes días complexos”.
Gabinete de prensa, 7 de abril de 2020