Solidariedade contra o coronavirus

A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, xunto co seu equipo de goberno (MS e PSOE) queren facer público o seu agradecemento ás múltiples mostras de solidariedade que están a recibir nestes días a través das diferentes canles das que dispón o Concello, e que son exemplo da boa predisposición do conxunto da sociedade salcedense na loita contra o COVID 19.
Así, nestes días de confinamento, as redes sociais do Concello serven de medio de agradecemento a todas estas achegas, como a que veñen de realizar un grupo de mulleres de Salceda, que nestes días están a elaborar mascarillas reutilizables cos seus propios medios, e que a través do Concello serán postas a disposición dos colectivos que máis as precisan por ser os máis expostos: servizos médicos, residencias de maiores, servizos de limpeza e de recollida de lixo, policía local, protección civil, etc.
Dende o Concello queren tamén agradecer enormemente a solidariedade dun dos salcedenses máis coñecidos, Denis Suárez, que ven de facer unha importante achega económica para productos alimentarios frescos que será canalizada a través dos servizos sociais entre as familias máis vulnerables nestes momentos. O futbolista fixo ademáis doazón de material de protección aos servizos médicos, amosando unha vez máis a súa enorme solidariedade.
Importantísimo traballo altruista é tamén o que están a desenvolver os voluntarios e voluntarias de protección civil, con innumerables horas de traballo adicadas ao servizo público durante todo o ano, pero especialmente nestes momentos. Protección Civil está a realizar tarefas de apoio ás persoas máis vulnerables ou tarefas de limpeza e desinfección de espazos e mobiliario público. Ademais aproveitan as súas saídas para dar mensaxes de ánimo á poboación e facer máis amena a estancia nas casas.
Por outra banda, son numerosas as empresas e persoas que se puxeron a disposición do Concello para o que poida ser preciso, unindo deste xeito os esforzos de todos e todas para poder saír desta crise canto antes.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Queremos agradecer todas e cada unha das mostras de apoio e solidariedade recibidas ao longo dos últimos días por parte de empresas, veciños e veciñas, entidades, asociacións, etc. É imposible numerar cada unha das ofertas recibidas, polo que non podemos ter máis orgullo da nosa sociedade nestes difíciles momentos. Só nos queda agradecer cada unha das aportacións feitas, as cales nos estamos a encargar de coordinar para que o traballo conxunto siga a dar o mellor resultado, tal como é o desexo de todos e todas”.

Gabinete de prensa, 31 de marzo de 2020