Primeiras sancións por non recoller os excrementos das mascotas

O Concello de Salceda de Caselas ven de facer efectivas as primeiras sancións por non recoller os excrementos das mascotas nas vías públicas. As sancións, por un importe de 300 € que se verá incrementado en caso de reincidencia, veñen a intentar solucionar un problema de ornato público que en determinados momentos resulta demasiado reiterado no casco urbano da vila, coas consecuentes molestias ao tráfico peonil.

Logo dun época de advertencias por parte da policía local, veñen de facerse efectivas as primeiras sancións, tentando deste xeito poñer fin a esta situación, da cal se teñen derivado multitude de queixas veciñais. Ademais dende o Concello incidirase tamén na obrigatoriedade de levar as mascotas atadas naqueles parques e espazos públicos nos que estea permirido acceder con mascotas, lembrando que existe unha zona habilitada para o esparcemento das mascotas na rúa Mártires de Sobredo, fronte ao novo centro de saúde.

Máis alá de ter que cumprir con sancións económicas, o mal hábito de non recoller os excrementos dos cans pode contribuír á proliferación de microorganismos patóxenos e a que xurdan problemas de saúde pública, pois os excrementos fíltranse no terreo coas choivas, coas consecuencias que elo conleva.

Miguel González concelleiro de servizo municipais: “A maioría das persoas están concienciadas e actúan correctamente, pero dende o Concello, coa colaboración da policía local, sancionarase á minoría que non cumpre as normas e que actúa sen ter en conta ao resto da poboación que circula polos espazos públicos”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “O feito de recoller os excrementos das nosas mascotas é un acto de respecto cara aos nosos vecinos e veciñas, o cal resulta fundamental para a vida en sociedade. Só coa implicación de todos e todas podemos conseguir a vila limpa e fermosa que queremos”.

 

Gabinete de prensa, 11 de xullo de 2020