Bota a andar o gabinete psicolóxico da man de Avelaíña

Dende comezos do mes de xullo funciona xa o gabinete de atención psicolóxica de Salceda de Caselas, que xorde ante a necesidade de proporcionar apoio e asesoramento psicolóxico individual e familiar a todas as persoas que o precisen, sendo previamente derivadas dende os Servizos Sociais. O gabinete supón un investimento anual de 10.925 €, financiado dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e contará con unha traballadora social e unha psicóloga, ambas veciñas de Salceda e polo tanto moi coñecedoras da realidade do municipio. A xestión do gabinete correrá a cargo da Asociación Avelaíña, que ven traballando con persoas con problemas de saúde mental, e que xa viñan atendendo a cinco persoas de Salceda de Caselas, que agora pasan a integrarse no gabinete.

Con este servizo preténdese dar resposta á necesidade de atención psicolóxica identificada polo Concello de Salceda de Caselas para a súa veciñanza, e está pensado para público de tódalas idades, tanto maiores como menores de idade. O gabinete servirá tamén para traballar de xeito grupal e coas familias interesadas diferentes aspectos relacionados coa educación de crianzas e adolescentes, e para sensibilizar e previr en saúde mental a través de charlas informativas dirixidas ao alumnado ou á poboación en xeral.  Cabe destacar que este gabinete actuará en coordinación con outros servizos e programas que ofrece o Concello como os Servizos de logopedia e Atención Temperá, o Programa “Cultiva a Mente” ou o II Plan Municipal para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, entre outros.

Trátase dunha necesidade que o Concello de Salceda viña detectando nos últimos tempos pero que se ve acentuada en momentos de crise como o que estamos a vivir na actualidade, polo que dende o equipo de goberno se decidiu reservar unha partida do Plan Concellos para a posta en marcha do servizo.

Gela Ledo, Concelleira de benestar Social: “Un servizo demandado durante anos e moi necesario nestes momentos tralo confinamento. Inténtase que as persoas con problemas psicolóxicos non sufran ao longo da súa vida problemas máis complexos. A traballadora social fará sesións co entorno familiar para así ofrecer un servicio máis completo.”

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “O noso Concello segue a ser exemplo en dotación de servizos á cidadanía que en moitas ocasións nin sequera son competencia municipal pero que contribúen a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza. Estamos cerca da xente e atendemos as súas necesidades, e non escatimaremos esforzos nas iniciativas que sirvan para axudar ás persoas e colectivos máis vulnerables, máis que nunca en momentos de crise como o que estamos a vivir”.

 

Gabinete de prensa, 10 de xullo de 2020