A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Entroido no Concello de Salceda de Caselas. A Concelleira de Cultura Tere Pérez e a Tenente de Alcalde Loli Castiñeira estiveron acompañadas por representantes dos barrios de A Feira (Felix Méndez) e Castro Barreiro (Óscar Pino e Andrés Troncoso).
Tere Pérez presentou o Entroido como a festa máis antiga de Salceda, con constancia documental da súa existencia cando menos dende o ano 1888, ano en que un veciño da Feira lle pedía aos seus familiares emigrados no Brasil ideas e diñeiro para afrontar o entroido. A Concelleira quixo tamén anunciar que o Concello habilitará unha zona reservadas para persoas en cadeira de rodas no entorno da Praza do Concello, para que tamén elas teñan a posibilidade de presenciar os desfiles do mellor xeito posible.
Loli Castiñeira salientou o esforzo que fai o Concello en divulgar a festa do Entroido, destacando para elo a recente sinatura do convenio dos xeodestinos, que servirá para dar a coñecer os recursos turñisticos de Salceda, e no que Terán un lugar importante as diferentes festas, con especial mención para o Entroido.
A programación comezará o venres día 24, que será o turno dos centros escolares do municipio. Así, cóntase coa participación das Escolas Infantiles A Galiña Azul e Xoaniña, o CRA Raíña Aragonta, o CEP Altamira e o IES Pedras Rubias, que como cada ano amosarán o seu enorme traballo e creatividade en máis de 1200 nenos e nenas de idades entre os 0 e os 18 anos. Esta estase a converter nunha cita multitudinaria en Salceda, que ano tras ano ve as súas rúas ateigadas de xente para presenciar este variado desfile.
O domingo, día grande a nivel municipal, terá lugar o XIX Desfile de Carrozas e Comparsas, de novo con máis de 1100 participantes repartidos en 12 agrupacións chegadas de Salceda, O Porriño, Tui, Vigo, Tomiño e Salvaterra. As comparsas recibirán pola súa participación axudas que van dende os 200 ata os 700 €, en función do número de compoñentes de cada agrupación. Ademáis de participar no desfile, as agrupacións subiranse tamén ao escenario para recitar as súas coplas, que seguro tratarán dos temas de máis rabiosa actualidade. Ademáis da compensación económica, as agrupacións loitan por conseguir ata un máximo de doce xamóns como premio a outras tantas categorías, valoradas por un xurado formado por un representante de cada unha das comparsas. A Concellaría de Cultura afronta esta cita como unha das máis importantes do ano, xa que nos últimos anos ten congregado a milleiros de persoas presenciando o espectacular desfile. As diferentes agrupacións traballan arreo para ter todo listo para a cita, que sen dúbida volverá marcar páxina na historia do entroido da comarca.
O luns e o martes, o Concello cede o turno para o Entroido máis tradicional do municipio, o que ven enfrontando dende hai máis dun século aos barrios de A Feira e Castro Barreiro. Estes dous barrios traballan arreo dende hai meses, no máis absoluto segredo, para que non transcenda ninguna información ao barrio rival. Para iso, como confirmaron hoxe os representantes dos dous barrios, están implicados practicamente tódolos veciños do barrio, que dun ou doutro xeito colaboran coa súa festa máis arraigada. Lembramos que Castro Barreiro e A Feira son dous barrios pertencentes á parroquia de Santa María, separados entre si polo regato da Ameixoa, que fai as función de frontera máis que nunca nestas datas. Castro Barreiro e A Feira competirán un ano máis por ter a mellor carroza, a mellor comparsa, o mellor son, a mellor verbena… e é que entre estes dous barrios todo, ata o máis mínimo detalle se converte en competencia.
Loli Castiñeira: “Salceda prepárase para acoller unha vez máis a milleiros de visitantes, que aproveitarán ademáis para disfrutar da nosa oferta turística e de ocio. Transmitimos unha vez a nosa noraboa aos veciños e veciñas de A Feira e Castro Barreiro por seguir a manter viva unha tradición centenaria, e por facelo cada vez con máis forza se cabe. Así mesmo, felicitamos ás agrupacións participantes no desfile do domingo, que sen dúbida están a acadar un nivel superior cada ano que pasa”.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “Estamos ante a nosa festa máis antiga e queremos seguir a ser referencia en todo o País. Queremos agradecer a enorme participación que teñen os nosos actos e o bo comportamento e competitividade que ano tras ano está a caracterizar a nosa programación”.