O CONCELLO DE SALCEDA TEN A DÉBEDA MÁIS BAIXA DA HISTORIA

A Conta Xeral demostra a excelente situación económica e financeira das arcas municipais.

 

O pleno do Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar a Conta Xeral do ano 2020 con aforro neto positivo, cumprindo a regra de gasto e reducindo o nivel de endebedamento, nun ano complexo para a planificación económica por mor da pandemia producida pola COVID19.

Os resultados da Conta Xeral expuxéronse detidamente pola Concelleira de Facenda, Lucía Pereira, acadando un aforro neto positivo de 123.122,92€, e cumprindo coa regra de gasto en 311.817,37€ imposta polo Ministerio de Hacienda do goberno central.

Destaca a boa situación do Concello no nivel de endebedamento, que descende un ano máis, situándose no 15,77% respecto aos seus ingresos, moi por debaixo do 75% que marca a lei para poder concertar novas operacións de crédito. Deste xeito, a débeda a peche do 2020 sitúase en 832.539,82€, dos que case 700.000,00€ corresponden á expropiación dos terreos do Parque Raíña Aragonta.

Durante a súa intervención, Lucía Pereira destacou tamén o bo dato respecto da liquidez das contas do Concello a data de 31 de decembro de 2020, que se situaron en 1.242.376,77€. Outro dos parámetros positivos que arroxan as contas é o resultado positivo do remanente de tesouraría, que ascende a 1.516.833,43€.

A Conta Xeral é un documento técnico onde se recolle a totalidade da contabilidade do ano, e que os concellos teñen que aprobar e remitir ao Consello de Contas antes do mes de outubro, para poder obtar ás subvencións de outras entidades.

Lucía Pereira, Concelleira de Facenda: “A pesar das dificultades económicas do 2020 marcadas pola inesperada pandemia producida pola COVID19 fomos quen de rematar o exercicio cumprindo a maioría das regras fiscais, con liquidez positiva e cun remanente de tesouraría positivo que nos permitíu incorporar ao orzamento 2021 máis de 700.000€ que nos permiten continuar ofrecendo servizos básicos á nosa veciñanza e facer fronte aos gastos orixinados pola pandemia.”

Verónica Tourón, Alcaldesa: “os datos de tesouraría e de liquidez da conta xeral poñen de manifesto a xestión rigorosa do equipo de goberno, a pesar do aumento de gasto que nos supuxo xestión da pandemia”

 

Gabinete de prensa, 6 de outubro de 2021.