O Concello de Salceda entrega os premios do seu 1º Concurso #ConSalceda de Pinchos e Tapas

O Concello de Salceda de Caselas entregou os premios do 1º Concurso “Consalceda Pinchos e Tapas”, tralo éxito obtido nesta primeira edición celebrada entre o 19 e o 28 de novembro. Os establecementos gañadores recibiron os galardóns de mans da alcaldesa Verónica Tourón, e da presidenta de ACISA, Elisa Rodríguez Vaqueiro, nun acto celebrado na Casa da Cultura de Salceda.

Os establecementos premiados tras a votación popular realizada ao longo do concurso foron:  na categoría de tapa, o 1º premio para La Marujita, coa tapa Arepa Galega, e o 2º premio para O Recuncho, coa tapa Recuntaquiños. E na categoría de pincho, 1º premio Cafetería Altamira, co pincho Terra e Mar, e o 2º A Tabertenda, co pincho Ecomexillón.

No mesmo acto realizouse o sorteo de tres vales entre as persoas que degustaron as tapas e os pinchos: un vale de 100 euros aportado polos locais participantes para consumo nos seus establecementos, un vale de 300 euros aportado polo Concello de Salceda para o consumo en todo o comercio local, e un vale de 500 euros aportado por ACISA (Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda) para consumir nos establecementos asociados.

Tamén se fixo entrega dos agasallos directos ás persoas que completaron a ruta selando en todos os establecementos participantes.

Con esta iniciativa a alcaldesa e concelleira de comercio quixo poñer de relevo a marca #ConSalceda, coa finalidade  de convertela nunha referencia e seguir dinamizando e dando visibilidade ó comercio e a hostalería local, axudando así a un dos sectores máis afectados pola pandemia, e que sufriu restricións que non lles permitiron desenvolver a súa actividade de xeito normal, con limitacións en horarios e aforos, ademais de peches. Así como acentuou “a colaboración e aportación da asociación de comerciantes e dos establecementos que participaron”.

 

Verónica Tourón: “continuaremos a por en marcha iniciativas que activen e dinamicen a economía de Salceda. Investir no noso comercio e hostalería é investir en toda a veciñanza”

Gabinete de prensa, 23 de decembro de 2021