Grazas á implantación deste servizo, os veciños e veciñas do municipio dispoñen dunha canle directa de comunicación de incidencias co seu Concello. Liña Verde favorece o uso das boas prácticas ambientais e en consecuencia, o desenvolvemento dun municipio sustentable.
O servizo Liña Verde implantouse en Salceda de Caselas no ano 2014. Os veciños e veciñas desta localidade demostraron unha moi boa acollida do servizo e proba diso é o uso continuo que fan do mesmo.
Para utilizar o servizo a través de Smartphone ou tableta, basta con descargar a aplicación Liña Verde. Para iso o usuario conéctase a Play Store ou APP Store e dunha forma fácil e intuitiva, prodúcese a descarga. Esta é completamente gratuíta.
Unha vez aberta a aplicación no dispositivo móbil, o usuario decide se expor unha consulta ou comunicar unha incidencia. O procedemento é moi rápido e sinxelo. Para comunicar unha incidencia, basta con seleccionar o tipo de categoría. Por xeolocalización, a APP Liña Verde encárgase de detectar de forma automática as coordenadas exactas nas que se sitúa a mesma. Posteriormente, pódese achegar unha foto da incidencia cunha breve descrición. Unha vez enviada, o responsable nomeado polo Concello recibe notificación da mesma. A partir deste momento, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán coñece en todo momento o estado no que se atopa a incidencia comunicada grazas ás notificacións que recibe no seu dispositivo móbil.
Este servizo, ademais de implicar á cidadanía na consecución dun municipio máis sustentable, facilita en gran medida a xestión diaria dos responsables do propio Concello. Ademais de axilizar os tempos de reacción, dá a coñecer situacións de mellora que de non ser pola colaboración cidadá, o propio Concello non tería constancia.
En Salceda de Caselas, o tipo de incidencias que máis se comunicaron son aquelas que fan referencia a alumeado público, seguido de beirarrúas e estradas, parques e xardíns e verquidos de lixo. Ata a data comunicáronse 251 incidencias das cales o 82% xa foron tramitadas.
O servizo Liña Verde alzouse co Premio Conama 2014 á Sustentabilidade. Tamén dispón do Premio de Calidade 2013 na categoría de Desenvolvemento Urbano Saudable e Sustentable outorgado pola Rede Española de Cidades Saudables (RECS) e o Premio 2013 ao Maior Impacto Cidadán de Ecovidrio.
O Concello de Salceda de Caselas séntese moi satisfeito dos resultados obtidos ata a data e agradece a importante participación cidadá que demostra a implicación e interese da cidadanía polo seu municipio.