Melloras inmediatas para as instalacións do Penedo Redondo

O Concello de Salceda ven de solicitar a primeira fase do proxecto de mellora das
instalacións deportivas municipais de Penedo Redondo, ubicadas na parroquia de
Parderrubias. Nesta primeira fase contémplase a construción dunha sala de usos múltiples á
que se accederá dende a fachada sur do edificio actual, na que se contará con un vestiario.
Ademais crearase unha cantina con acceso dende o lateral do propio campo, xerando así
percorridos diferenciados para espectadores/as e xogadores/as. Esta cantina contará ademais
cun almacén e dous aseos accesibles. Por último, prevese a construción dunha pérgola
metálica con cobertura de brezo para crear unha zona de sombra.
O proxecto, cun orzamento de 87.688,13 €, executarase con cargo ao Plan Concellos
2018/2019 unha vez que a Deputación Provincial emita a súa aprobación.
O campo de fútbol do Penedo Redondo, construído no ano 2010 nos terreos da
comunidade de montes de Parderrubias con un acordo de cesión de dereito de superficie ao
Concello de Salceda de Caselas, conta na actualidade con máis de 250 usuarios/as habituais,
pois acolle aos máis de 250 nenos e nenas das Escolas de Fútbol Denis Suárez, a Sociedade
Deportiva de Parderrubias (equipos A e B), o quipo de fútbol 8 femenino das Escolas
Deportivas de Salceda e o equipo de Veteranos do Caselas, así como os adestramentos do
propio Caselas F. C.
As dinámicas actuais e os esforzos en ofrecerlles aos nenos e nenas as mellores
instalacións, fan precisas importantes obras de reforma no campo, que con esta primeira fase
se verán en parte solucionadas, a espera de seguir acometendo melloras en vindeiros anos,
segundo as posibilidades do Concello.
Carla Pérez, Concelleira de Deportes: “Salceda ten a sorte de contar con un proxecto
da envergadura da Escola de Fútbol Denis Suárez, e o Concello non vai deixar pasar a
oportunidade, polo que centraremos tódolos nosos esforzos no eido do deporte na mellora das
instalacións”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “traballamos pola Salceda do baby boom para
que os nosos nenos e nenas teñan as mellores oportunidades. As entidades deportivas saben
que contan co apoio do Concello para levar a cabo aqueles proxectos de interese para a
veciñanza e que estén na nosa man”
Gabinete de prensa, 4 de decembro de 2018