O Concello de Salceda de Caselas, ao traverso das Concellarías de Tráfico e Vías e Obras que dirixen Jose Luis González e Miguel González, segue a realizar melloras nos accesos e saídas ao casco urbano, que garantan unha maior seguridade para os vehículos pero fundamentalmente para os peóns. Así, nestes días ven de rematarse o novo paso elevado creado na zona da Lagoela, unha obra moi demandada pola veciñanza da zona que agora se pode ver xa rematada. O paso únese coa nova Senda Fluvial da Lagoela, que dá acceso á zona escolar e deportiva de Altamira, sendo empregada diariamente por ducias de familias para levar os seus cativos ó colexio. O Equipo de Goberno traballa no proxecto de ordenación definitiva da zona, para executalo en canto sexa posible.
Cabe lembrar que o Concello de Salceda pertence á Rede de Cidades Amigas da Infancia, que potencia todo este tipo de iniciativas que garantan unha maior independencia dos nenos e nenas á hora de realizar a súa vida diaria na vila. Así, o Concello leva dado xa importantes pasos neste senso, como as humanizacións de diferentes rúas, ás que se lles unirán outras próximamente, a creación de sendas fluviais e espazos públicos… Nos últimos anos, as actuacións no casco urbano veñen encamiñándose de cara a garantir un tráfico fluído priorizando en todo caso a seguridade e a tranquilidade das persoas, cunha maior atención nos colectivos que precisan unhas condicións se cabe aínda máis favorables: infancia, persoas maiores, persoas de mobilidade reducida…
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “queremos unha vila pensada para as persoas, e nesa dirección seguiremos a centrar tódolos nosos esforzos. Unha vila cunha alta natalidade como a nosa merece que centremos tódolos nosos esforzos nas necesidades dos diferentes colectivos, e así o estamos a facer en cada unha das nosas actuacións”.