Salceda acolle este sábado a Gala de Campións da Federación Galega de Automobilismo

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da Gala de Campións 2016, que se celebrará este sábado no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas. No acto estiveron presentes Carla Pérez, Concelleira de Deportes, Manuel Carballo, Presidente da Escudería SURCO, Iván Corral, Presidente de Federación Galega de Automobilismo, e Marcos Besada, Alcalde de Salceda. Organizada pola Federación Galega de Automobilismo en colaboración coa Escudería SURCO, a gala servirá para entregar os máis de 130 premios das diferentes competicións levadas a cabo durante o ano 2016 nas diferentes modalidades do mundo do motor. A federación elexiu Salceda como lugar de celebración desta gala en agradecemento ao enorme apoio recibido polo Concello nas diferentes probas que pasan polas terras do municipio. A Gala, que ten xa confirmada a presenza de numerosas autoridades, compleméntase coa exposición de vehículos que terá lugar na Praza do Concello, ao carón do Auditorio Municipal.

O Presidente da Federación, Iván Corral, lembrou que os seus son os únicos campionatos que entragan importantes premios en metálicos, e aproveitou a presentación para facer público o seu enorme agradecemento ao Concello de Salceda polo grande apoio recibido e por acoller a gala con tanto cariño dende o primeiro momento, facilitándolles cada un dos pasos precisos para a mesma.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou o amor xeralizado que existe en Salceda polo mundo do motor. Lembrou así mesmo que Galicia, xunto con Asturias, son as comunidades nas que o motor ten un maior peso específico, e que Salceda busca ser referente dentro da comunicdade autónoma polo seu apoio decidido a este deporte. O Alcalde aproveitou tamén a ocasión para destacar o importante traballo que están a realizar as Escuderías SURCO e Dona Urraca, coas que o Concello ven colaborando regularmente.

 

Gabinete de Prensa, 25 de xaneiro de 2017