A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, ven de asinar os convenios por máis de 92.000 euros que benefician a 25 entidades do municipio: culturais, deportivas, sociais e centros escolares. No acto de sinatura, que se celebrou no Auditorio Municipal seguindo os protocolos COVID, a alcaldesa estivo acompañada dos concelleiros de cultura e deportes, Alex Rodríguez e Rubén González.
O Concello destina un total de 92.051,40 € para estes colectivos, asinando convenios cos centros culturais (900 €), os coros (700 €), as asociacións de veciños (400 €), os entroidos de Barreiro e Feira (1.600 €), a Asociación de Amigos e Amigas da Música de Salceda (22.000 €), o CEP Altamira (1.200 €), o IES Pedras Rubias (2.400 €) e a Asociación de Xubilados e Pensionistas (3.000 €). No eido deportivo, 22.551,40 € son para as Escolas Deportivas, 18.000 € para o Caselas C. F., 4.550 € para os Clubes de Balonmán e Baloncesto e 400 € para o Club Ciclista Aragonta.
As subvencións de maior importe son as que reciben a Asociación de Amigos e Amigas da Música, que engloba a Escola de Música de Salceda así como a Banda de Música, movendo en total máis de 400 persoas de tódalas idades, e as Escolas Deportivas, con cerca de 500 participantes. Considérase tamén fundamental o apoio ás actividades dos centros escolares públicos, que a pesares de non estar dentro das competencias dos Concellos reciben tamén unha aportación municipal.
O Concello colabora ademáis durante todo o ano coas diferentes asociacións co préstamo de material, donación de libros para as súas bibliotecas, asesoramento e información nos trámites con outras administracións…
Os convenios supoñen un importante esforzo financieiro que o Concello asume consciente de que na maioría dos casos supón a supervivencia de moitas entidades que doutro xeito non terían capacidade de saír adiante. A pesar de ser un ano no que moitas destas entidades tiveron que paralizar as actividades, o equipo de goberno quere deste xeito dar resposta a uns compromisos económicos que axudarán a sufragar uns gastos que en moitos casos xa estaban realizados antes do inicio da pandemia, e que polo parón de actividades deixa a estas entidades nunha difícil situación que deste xeito se ve en parte atenuada grazas ao apoio municipal.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “O Concello de Salceda sempre fixo unha firme aposta pola cultura, o deporte e o asociacionismo en xeral, e nestes momentos difíciles non vai ser doutro xeito. A sociedade salcedense, e nomeadamente o tecido asociativo, está a ser exemplo de solidariedade e responsabilidade, polo que dende o Concello queremos manter o noso apoio tanto económico como naqueles outros aspectos nos que poidamos ser de axuda”.
Gabinete de prensa, 23 de novembro de 2020