Reorganización do tráfico na zona do Penedo Redondo para acabar coas carreiras ilegais

O Concello de Salceda ven de iniciar as obras de reorganización do tráfico no entorno do campo de fútbol do Penedo Redondo, co fin de rematar co problema de seguridade viaria que se daba na zona, con habituais “quedadas” para realizar carreiras ilegais de coches.

                O proxecto consiste na creación de diversos pasos elevados que realizarán a función de conseguir o denominado “tráfico calmado”, e impedindo deste xeito as perigosas prácticas que se viñan detectando na zona. Ademais vaise proceder ao pintado de prazas de aparcamento, que facilitarán a organización do tráfico para as familias do máis dun centenar de nenos e nenas que empregan o campo de fútbol a diario.

                Nas últimas semanas, Concello e Garda Civil de tráfico traballaron de xeito conxunto para acadar a mellor solución que puxese fin a un problema que empezaba a ser xa demasiado reincidente e que supuña un perigo non só para as persoas que alí se concentraban senón tamén para a veciñanza da zona. De feito a mesma veciñanza tiña xa trasladada a súa inquedanza sobre este tema ao equipo de goberno en diversas ocasións.

                Aínda que a COVID e o toque de queda eliminaron as quedadas, o Concello evita deste xeito que poidan volver producirse unha vez rematadas as restricións.

                Lucía Pereira, Concelleira de seguridade e tráfico, agradeceu a implicación da garda civil para conseguir dar solución ao problema: “En diversas ocasións realizáronse denuncias das forzas de seguridade na zona por delitos contra a seguridade do tráfico, pero deste xeito conseguiremos rematar co problema definitivamente”.

                Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “órganos como a Xunta Local de Seguridade son unha inmellorable ferramenta para detectar e solucionar situacións que poidan poñer en perigo a nosa veciñanza. Unha vez máis temos que agradecer aos diferentes corpos de seguridade do Estado o traballo que se está a realizar no noso municipio para que Salceda siga a ser unha vila tranquila e segura, tal como se desprende do balance anual da Subdelegación do Goberno”

 

                Gabinete de prensa, 24 de novembro de 2020