Donicelas presenta o seu segundo disco

 

Este sábado ás 19:30 no Auditorio Municipal de Salceda terá lugar a presentación do segundo traballo discográfico do grupo salcedense Donicelas. O traballo leva o nome do mesmo grupo.

Donicelas nace no ano 1992 no seo do CEP Altamira, continuando con unha actividade escolar posta en marcha polo colexio da man de Antón López (Treixadura). As súas experiencias discográficas foron primeiro facendo colaboracións con outros grupos (“Obrigado” de Treixadura no 1996 e “Feitizo” de Na Lúa no 1999). No ano 2005 presentaron o seu primeiro traballo propio, “Que Nunca foi Abalada”, e agora chega o seu segundo disco, que levará por nome “Donicelas”.

Na gravación que agora presentan, realizada en Estudios Ancestral (Ponte Caldelas), o grupo  conta coa colaboración de artistas convidados como: Uxía Senlle, Paulo Nogueira, Isaac Millán, Miriam Lorenzo e antigos compoñentes que estiveron no grupo (Xose L. Sanromán, Xulio Lorenzo, Isa Troncoso, Tere Pérez e Olaia Alonso).

O seu repertorio baséase en pezas populares da música tradicional. Neste último traballo contan tamén con pezas de autores como; Paulo Nogueira compositor da muiñeira que dá título ó disco Donicelas, e que o compoñente de Treixadura creara no 2012 como agasallo no 20 aniversario do grupo, Xesús Díaz (compoñente do grupo) compositor da Rumba dos Anaquiños e por último Xulio Lorenzo autor da Muiñeira de Mos incluída no arranxo de Costureiriña.

O traballo discográfico está a venta dende principios de ano, e o sábado poderase adquirir no concertó de presentación.

O Concello de Salceda colabora na presentación do traballo. Así mesmo, a Concellaría de Cultura adquirirá 100 discos do grupo para empregar como agasallo institucional, contribuíndo así á difusión do traballo discográfico entre institucións e visitantes do municipio.

Tere Pérez, Concelleira de Cultura: “Tras máis de 20 anos chega o esperado traballo de Donicelas. Salceda segue a demostrar que é berce da mellor música, tamén no ámbito tradicional. Donicelas son xa un referente na nosa música despois de tantos anos, e con este novo disco seguirán a soar por toda a nosa xeografía”.

Gabinete de Prensa, 21 de xaneiro de 2016