Páxina web específica para Formación e Emprego

A Concellería de Emprego do Concello de Salceda de Caselas, que dirixe Loli Castiñeira, ven de poñer en marcha unha páxina web especialmente dirixida ao emprego e a promoción económica do Concello. Co enderezo www.salcedaemprego.es, o portal busca aproveitar a operatividade, rapidez e accesibilidade que ofrece internet para dotar, a veciñas e veciños, dunha ferramenta útil á hora de estar informados sobre a convocatoria de cursos, becas ou oportunidades de traballo.

A páxina, de fácil manexo, intuitiva e moi visual, permite aos usuarios e usuarias acceder a informacións esenciais sobre as ofertas de emprego existentes, bolsas de emprego, cursos de formación, actividades de emprendemento ou cualificacións profesionais.
www.salcedaemprego.es, substitúe a páxina de Facebook que a Concellería tiña operativa ata o momento, pero que non permitía, polas súas propias características, a interactividade que permite o actual portal á hora de acceder a apartados específicos como por exemplo o de formación, con explicacións polo miúdo das súas diferentes posibilidades. A páxina web do Concello, www.salcedadecaselas.es, conta tamén con un enlace directo á nova web.
A concelleira de Formación e Emprego, Loli Castiñeira aseguraba que a posta en marcha deste portal web “era dar un paso máis en materia de transparencia á hora de poñer en coñecemento de todos os veciños e veciñas, as ofertas de emprego que lles poidan interesar ou a convocatoria de cursos que permitan mellorar a súa capacitación profesional”.
Sería absurdo, asegurou Castiñeira, “que en pleno século XXI, non aproveitásemos a funcionalidade que ofrece, en materia de emprego e formación, unha ferramenta como internet”.
A información, sinalaba a responsable de Formación e Emprego do Concello de Salceda, “é as veces tan importante como a propia formación”. O obxectivo desta páxina, afirma Loli Castiñeira, “non é outro que permitir que veciños e veciñas poidan coñecer, en tempo real, as ofertas de emprego que se producen, os cursos que lles poden interesar ou as iniciativas que desenvolve o Concello cara ao emprendemento”.
Se a transparencia na xestión dun Concello é importante en todas as súas facetas, remataba a concelleira, “tanto máis o debe ser nunha que afecta directamente ao benestar das familias como é o emprego”.