Comenzan as obras de acondicionamento da área de esparcemento do CDL O Torrón

 

Despois do seu acondicionamento esta área albergará a unha pista deportiva de BMX

Esta semana comenzaron as obras de mellora da seguridade e accesibilidade da área de esparcemento situada no CDL O Torrón que albergará as pistas deportivas de BMX.

A Tenente Alcalde, Marina Cabaleiro, quere suliñar non só o carácter deportivo desta inversión, senón a importancia da recuperación dun espazo semiabandoado para proporcionar á xuventude espazos onde practicar o seu deporte como parte de desenvolvemento persoal e de vida saudable.

A concellería de deportes fixo dende o comenzo desta lexislatura unha aposta seria polo deporte, proba disto son as distintas inversións que se están a levar a cabo neste eido.

Neste caso, é unha partida de investimentos do orzamento municipal na cal se destinarán 43.913,61 euros. Dentro deste orzamento realizaranse traballos de movementos de terras, instalación de rego automático da parcela, iluminación, peche da parcela, mobiliario urbano e finalmente habilitarase a zona de esparcemento coa pista de saltos. Por suposto, tamén se xestionarán todos os residuos existentes na área.

Completamos con esta obra unha serie de investimentos na área deportiva, que permitirá os veciños e veciñas dispor de instalacións para as distintas actividades deportivas: novas pistas multideporte na área de atrás do Pavillón Municipal nas que se está a traballar neste intre, ampliación e mellora do ximnasio de Pavillón Municipal convertindo un pequeno espazo nun lugar axeitado para os aparatos de ximnasia ou o próximo acondicionamento do campo municipal de A Gándara. Esta é a liña na que seguiremos a traballar, e neste momento a concellería xa está estudando a posiblidade dunhas futuras pistas de padel.

Marina Cabaleiro, concelleira de deportes, destaca que “con todos estes investimentos damos cabida non só os deportes maioritarios como o futbol, tamén ao balonmán, baloncesto, tenis, badminton e agora tamén terán acollida as bicicletas, un espazo moi demandado polos veciños e veciñas de Salceda”.