O grupo ‘Batemento’, representou ao Concello de Salceda de Caselas na Culturgal 2015, a cita anual máis importante da cultura galega que se celebrou esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Son de Salceda de Caselas, son novos, e teñen ─segundo aqueles que saben e entenden das cousas da música─ un futuro máis que prometedor. O pasado sábado, ás 20:30 horas, tiveron a oportunidade de amosar todo o que saben e deixar saír todo o que levan dentro, nun dos escaparates máis atractivos que se poden dar dentro das nosas fronteiras: o Culturgal 2015.
O Concello de Salceda de Caselas, a través da concelleira de Cultura, que dirixe Teresa Pérez, elexiunos para que representasen ao Concello neste evento e grazas a iso, o público qque alí se achegou puido gozar dunha música que, no seu nacemento, supuxo un novo concepto musical en Galicia.
Batemento son fusión pura e dura. Mesturan como ninguén estilos musicais máis actuais como o pop, dance e chillout coa gaita galega ou irlandesa ─segundo se tercie─, a frauta barroca ou o whistle. De aí sae un ritmo que engancha dende os seus primeiros compases e que é capaz de transmitir as máis fondas raíces galegas a través de ritmos que nada teñen que ver coa música tradicional. É, sen dúbida, a grande aportación de Batemento á música actual.
A Concellería de Cultura de Salceda, apoiounos dende os seus comezos “que non foron para nada fáciles” apunta a concelleira Teresa Pérez, do mesmo xeito “que apostamos por calquera manifestación cultural que teña o seu orixe nos nosos mozos e mozas”. Para Teresa Pérez, manter e espallar a nosa cultura, “é un dos mellores xeitos de manter a nosa propia identidade como pobo”.
O pasado sábado, o Pazo da Cultura de Pontevedra encheuse de ritmos que a bo seguro, os presentes, non esperaban e que, sen ningún tipo de dúbida, os deixaron con ganas de máis.