O Concello de Salceda de Caselas adheriuse por segundo ano á campaña “En negro contra a violencia”, unha iniciativa xurdida en 2015 no Concello de Santiago e á que se sumaron o ano pasado 75 concellos de toda Galicia. Este ano a campaña chega a 97 Concellos e 3 Deputacións, e o Concello de Salceda de Caselas non quixo ser menos e aceptou o convite feito dende o Concello de Santiago de Compostela. A responsable da área de Igualdade en Salceda de Caselas, Tere Pérez, convidou aos comercios da vila a ser partícipes desta campaña de concienciación contra a violencia machista. Así, no caso de Salceda de Caselas son xa numerosos os establecementos e colectivos que estes días están a comunicar a súa adhesión á campaña. A acción consiste en tinguir de negro a vila na semana do 19 ao 25 de novembro, a través dos escaparates, os manenquíns, a roupa de traballo… é decir, trátase de amosar o loito en sinal de dor por tódalas mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte. O ano pasado participaron na campaña máis de 60 establecementos comerciais da vila, así como numerosos colectivos sociais, culturais, deportivos, educativos, etc.
O Concello de Salceda está a dar importantes pasos na loita contra a violencia de xénero. Así, nestes días vanse realizar acción formativas nos centros escolares de primaria e secundaria, para concienciar aos nenos e nenas na importancia da igualdade e do rexeitamento á violencia de xénero. O Concello ofrece ademáis un servizo de asesoramento xurídico ás mulleres víctimas de violencia de xénero, que en numerosas ocasións se ven perdidas e sen saber a onde recorrer para saír dunha situación límite.
Teresa Pérez, Concelleira de Igualdade: “a violencia de xénero é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e, en moitos, casos normalizada, que afecta, na maioría dos casos, tamén ás e aos menores. As institucións temos a obriga de desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar a poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres, e estamos seguros que a resposta da sociedade salcedense será contundente unha vez máis”.
Gabinete de prensa, 6 de novembro de 2018