Mellora de viais municipais en Soutelo en Entenza

A Concellaría de Vías e Obras do Concello de Salceda de Caselas, que dirixe Miguel González, está estes días a levar a cabo as obras de mellora do camiño de Paredes, na parroquia de Soutelo, e na Estrada do Outeiro ao Eido de Arriba, na parroquia de Entenza.

No caso de Soutelo, o camiño de Paredes, moi transitado para acceder á zona da Igrexa e o Cemiterio Parroquial, é un camiño histórico que ata o de agora se atopaba en moi malas condicións, e que os veciños e veciñas de Soutelo levaban demandado en múltiples ocasións que se puidesen acometer obras de mellora. A actuación significa o ancheamento e asfaltado do vial, nunha lonxitude de 376 metros.

En Entenza, a Estrada de Outeiro ao Eido de Arriba, cunha lonxitude de 290 metros, serve de conexión entre a estrada de A Basquida co Eido de Arriba e cos Penedos.

As obras, cun orzamento de 56.493 €, están financiadas pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, dentro do Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal de acceso a Explotacións Agrarias 2016. O Concello, pola súa banda, asume os 11.863,53 € correspondentes ao IVE.

Con estas obras, proséguese na liña establecida dende o Goberno Municipal, de mellora da rede de estradas do Municipio, con intervencións constantes nas sete parroquias que conforman Salceda de Caselas.

Miguel González, Concelleiro de Vías e Obras: “A mellora dos viais do rural seguirán a ser unha prioridade para este Goberno. Con estas actuacións damos resposta ás demandas feitas polos veciños e veciñas de Soutelo e Entenza, e así o seguiremos a facer en cada unha das parroquias do Concello”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Estas e outras moitas obras non serían posibles sen a colaboración dos veciños e veciñas da zona, que ceden os seus terreos para que estas melloras sexan posibles. Entre todos e todas seguimos a construír a Salceda que soñamos, e así o seguiremos a facer”.

6bab4c47-c77b-46fc-923e-8c86012cd9a5