Aberta a licitación dos postos da Praza de Abastos

A Concelleira de Comercio do Concello de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, informa da apertura de prazo para solicitar a concesión de un posto na Praza de Abastos Municipal. As bases contemplan a concesión de 14 postos de venta, un bar e 24 bancadas para a venta de peixe fresco. Nos catorce postos de venta poderanse optar a espazos destinados a carnicería (4), peixería (2), delicatessen, quiosco, chacinería, aves e ovos, florería, panadería, froitería e venta de bacallau.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ata o vindeiro 3 de novembro. A concesión farase por un período de vinte anos que se poderá prorrogar en cinco anos máis.

O Equipo de Goberno de Movemento Salceda leva apostando firmemente pola posta en valor da Praza de Abastos, para o cal dende o ano 2013 se leva investido xa no edificio e a súa contorna un total de 362.272,03 €, realizando numerosas melloras que o están a converter xa en referencia en todo o País. Mostra disto é que a segunda fase da reforma foi a que obtivo maior puntuación de tódalas presentadas na convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia.

Cos investimentos realizados lévanse atallado xa problemas como as correntes de aire do edificio coa colocación de falso teito, ou a conexión coa zona de aparcadoiro da carballeira situada detrás da edificación, efectuando unha apertura no semisoto e executando unhas escaleiras de acceso.

Por outra banda, no afán de dinamizar o mercado ofrecendo novos servizos, creouse tamén a zona de cafetería que agora sae a concurso, con servizo tanto ao interior como ao exterior do edificio, que contará con autonomía propia de funcionamento, independentemente do propio mercado.

Loli Castiñeira destacou a “absoluta transparencia e igualdade de oportunidades coa que se realiza este procedemento, que nace como un novo proxecto de revitalizar a praza e dotala de todo o seu potencial como centro de venta de productos frescos da máxima calidade”.