O Auditorio Municipal de Salceda acollerá, o sábado 6 de febreiro, a actuación conxunta de Vaamonde, Lamas e Romero coa Banda de Música Cultural de Salceda. O espectáculo, unha extraordinaria mestura entre música, humor e teatralidade, forma parte da programación que a Concellería de Cultura, que dirixe Teresa Pérez, ten previsto desenvolver durante o Entroido 2016.
Aproveitando o 30 aniversario da Banda Cultural de Salceda (1986-2016), anímanse a levar a cabo este espectáculo que sen dúbida non deixará a ninguén indiferente. As entradas están xa á venta na Casa da Cultura Castelao a un prezo de 4€ para adultos e 2,50€ para nenos e nenas ata 14 anos. Lembran dende o Concello que o aforo do Auditorio Municipal é limitado, polo que se recomenda adquirir as entradas de xeito anticipado.
Alá por 1996, un gaiteiro referencia na música tradicional galega, como é Suso Vaamonde e o acordeonista Xosé Lois Romero, xúntanse para ofrecer unha visión tan particular como interesante, da música popular galega. No 2005, a incorporación do saxofonista Pedro Lamas, outro músico de referencia alí onde os haxa, engadía a peza que lle faltaba ao grupo para transformarse, dende entón, nun auténtico espectáculo musical.
O segredo do éxito de Vaamonde, Lamas e Romero, non reside so no fondo coñecemento que teñen da música tradicional, ou o virtuosismo que acadan cos seus instrumentos (a gaita, o acordeón e o saxo), senón nos seus directos. Cando o público espera asistir a un concerto, atópase con todo un espectáculo que ten, a doses iguais, música, humor e teatro.
Ademais das súas actuacións en solitario, descobren outra fórmula de chegar ao público: os concertos conxuntos coas bandas de música populares. É entón cando a música se converte en todo un espectáculo.
Logo de ter actuado con diversas bandas de música, entre elas a Banda de Música Municipal da Coruña, chegan a Salceda para facelo con outra das formacións de máis soa na provincia e máis que centenaria e que conta, en premios, as súas participacións en certames de bandas, tanto dentro como fora das fronteiras galegas.
A concelleira de Cultura, Teresa Pérez, salientaba que esta actuación que forma parte do programa de actividades a desenvolver neste Entroido 2016, “supón unha magnífica ocasión para que, veciños e veciñas, pasen un rato enormemente divertido cun espectáculo tan diferente como xenial”. O espectáculo permite unir “dous dos estilos musicais que forman parte da nosa propia identidade cultural, a música de bandas e a música tradicional”, remataba a responsable de Cultura de Salceda de Caselas.