A Concellaría de Cultura e Festas do Concello de Salceda, que dirixe Teresa Pérez, ultima xa os preparativos das Festas do Cristo que se van celebrar esta fin de semana. As festas teñen o seu punto de partida no tradicional Estourazo, que vai xa pola súa sexta edición, e que se leva a cabo dende o balcón da Casa da Cultura Castelao mañá sábado ás 22:00 horas. O Estourazo homenaxea cada ano a un colectivo, e este ano é o turno de rendir homenaxe ao Entroido. Para elo participarán no evento representantes dos tradicionais entroidos de A Feira e Castro Barreiro, así como representantes das diferentes comparsas de Salceda que participan cada ano no Entroido do domingo.
O Entroido ven enfrontando aos barrios de Castro Barreiro e A Feira cando menos dende o ano 1888, data da que se conserva unha carta en que un veciño da Feira pedía cartos e ideas aos seus familiares emigrados no Brasil. Dende entón, esta loita centenaria ten atraído a milleiros de persoas ano tras ano a Salceda para disfrutar dun entroido orixinal e diferente. Ademáis, dende fai 17 anos a programación complétase co Desfile de Carrozas e Comparsas, convertendo así ao municipio no epicentro das festas de Entroido de toda a contorna.
Ata finais dos noventa eran os mozos solteiros dos barrios da Serra, A Pedra, A Gándara, Altamira, Pegullal, Devesa e Esfarrapada os que organizaban o Entroido do centro da vila. Hai testemuñas orais dos sainetes cómicos celebrados na Praza do Concello xa nos anos trinta do pasado século, ode as rapazas se vestían de homes e viceversa, interpretando divertidas comedias acompañadas con música de gaitas.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “O Entroido identifica a Salceda por todo o País, por iso este ano decidimos adicarlle este máis que merecido homenaxe. As Festas do Cristo e as Festas do Entroido, as principais dentro do noso Concello, vanse dar a man nunha xornada divertida e de troula, onde un ano máis a Agrupación Gaiteira de Salceda porá a nota musical no evento”.