As Escolas Deportivas Municipais de Salceda veñen de presentar o álbum do deporte de Salceda. Trátase dunha colección oficial de cromos da tempada 2013-2014, na cal podemos todos os e as deportistas dos diferentes deportes. As EDM levan funcionando 15 anos e moven na actualidade máis de 500 rapaces.
Nas súas páxinas podemos atopar os deportes que conforman as EDM: Bádminton, Tenis, Ximnasia Acrobática, Patinaxe, Balonmán, Baloncesto, Fútbol (13 categorías diferentes) e Fútbol Sala. O álbum tamén conta co Caselas F.C. (Xuvenil – 1ª Autonómica e Rexional Preferente).
Na presentación contouse coa presenza de representantes dos diferentes clubs, ademais dos dous traballadores do concello responsables das Escolas Deportivas Municipais, Juan José Estévez e Martín Acuña, e a concelleira de Deportes, Marina Cabaleiro. Neste acto entregouse a cada deportista o seu álbum, en presenza de moitos dos pais e nais que miraban como os seus fillos se buscaban con ilusión entre as páxinas.
A partir de agora, poderán atopar os cromos nos diferentes puntos de venta: Campo Municipal da Gándara, Pavillón Municipal dos Deportes, Campo de fútbol Penedo Redondo e tamén en varios establecementos do municipio (Librería Lemos, GomiAragonta, Sernel e Charango Café).
Marina Cabaleiro, “darlle a noraboa as Escolas Deportivas Municipais, non só por esta iniciativa senón por toda a labor que fan no mundo do deporte salcedense tanto nas actividades deportivas que moven como na coordinación das instalacións deportivas Por suposto, tamén me gustaría agradecer a presenza de todos os asistentes que encheron o Pavillón Municipal. Dende a concellería de deportes fixemos unha aposta polo deporte base, por achegar a todos e todas uns hábitos de vida saudable e tamén por dar a coñecer aqueles deportes minoritarios, e seguiremos traballando neste camiño”.
A concelleira de deportes tamén quere suliñar que “nos próximos meses disporemos das novas pistas multideporte detrás do Pavillón Municipal e da pista BMX no espazo exterior do CDL O Torrón, e por suposto convidan a participar na II 10K Concello de Salceda que celebraremos o 4 de maio”.