Salceda levará a cabo a posta en valor das Mámoas de Coto da Cruz

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia ven de autorizar os traballos de limpeza, documentación e posta en valor da Área Arqueolóxica das Mámoas de Coto da cruz, situadas entre as parroquias de Picoña e Santa María, en Salceda de Caselas. O arqueólogo Alberte Reboreda será o encargado de levar a cabo os traballos, que se realizarán coa colaboración entre o Concello de Salceda e as Comunidades de Montes de Picoña e Santa María, que asumen o compromiso do mantemento e protección da área. O proxecto ten un custe de 10.980,75 €, que serán asumidos polo Concello.

No ámbito de actuación atópase unha necrópole megalítica formada por dous túmulos, que distan uns 120 metros entre si. A primeira actuación será a limpeza exhaustiva da zona, a fin de posibilitar a visibilización das súas estructuras definitorias para así coñecer o seu estado actual de conservación e planificar futuras actuacións arqueolóxicas e de adecuación. Emprenderanse diversas accións como a ampliación da documentación existente sobre a necrópole ou a adecuación de accesos operativos ao xacemento para a realización de diversos traballos. Así mesmo, porase especial atención en frear o deterioro do sitio arqueolóxico provocado polo crecemento incontrolado de vexetación, realizando un estudio botánico que permita a revexetación do lugar coas especies oportunas. Como complemento á actuación colocaranse unha serie de paneis informativos que favorezan a interpretación dos túmulos por parte do público en xeral.

A súa ubicación constitúe un miradoiro excepcional sobre o Val do Caselas, os Montes de San Cibrán e o Río Miño, chegando incluso a visualizarse dende alí o monte de Santa Tegra.

Con esta actuación, o Concello de Salceda busca a sensibilización do conxunto da poboación, especialmente a veciñanza do municipio, coa relevancia patrimonial desta necrópole en particular e do patrimonio arqueolóxico en xeral.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou que se trata da primeira actuación da historia do municipio de recuperación e posta en valor do seu Patrimonio Arqueolóxico. “Resulta primordial a posta en valor dos diversos recursos existentes no noso concello, e así o imos a seguir facendo”.