Salceda de Caselas, 15 de abril de 2024
O Pleno do Concello de Salceda de Caselas aprobou unha declaración institucional en contra do proxecto de Altri. O acordo aprobouse co voto a favor de MS, PSOE e BNG, e coa abstención do Partido popular, que definiu o proxecto como “unha oportunidade única para Galicia”.
O proxecto prevé a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, promovido por Greenfiber, S.L., foi declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2022, e vaise implantar no Concello de Palas de Rei.
Considera o Concello de Salceda de Caselas que con este proxecto resultarán gravemente afectados o patrimonio cultural e natural da comarca da Ulloa e limítrofes. Así mesmo afectará ás augas e á atmosfera, ao envelenar con elevadas cantidades de compostos químicos o río Ulla e emitir gases contaminantes que por acumulación estragarían cultivos e afectarían directamente a saúde das persoas e da terra. O proxecto ocupará 360 ha, destruíndo hábitats de altísimo valor ecolóxico, incluídos na proposta de ampliación da Rede Natura, con poboacións de especies protexidas, e facendo da eucaliptización a nova paisaxe da zona centro de Galicia.
Con estes datos, o Concello de Salceda de Caselas, posicionouse en contra do proxecto de Altri, coa excepción do PP, animando á veciñanza a presentar alegacións ata o 17 de abril, último día para facelo.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: Agradecemos a PSOE e BNG que se sumasen á proposta de Movemento Salceda. Dixemos alto e claro que Salceda apoia á Plataforma Ulloa Viva nas súas reivindicacións. Proxectos que se amparen unicamente na suposta creación de emprego non poden hipotecar o futuro da nosa terra e do noso País.