25 entidades veñen de asinar os convenios das axudas para gastos de funcionamento do ano 2017. Ditas axudas van destinadas a colaborar na sufragación dos gastos que as entidades teñen ao longo do ano, e que no mes de decembro terán que xustificar ante o Concello.
O Concello destina un total de 92.051,40 € para estes colectivos, asinando convenios cos oito centros culturais existentes no municipio (900 €), os dous coros (700 €), as catro asociacións de veciños (400 €), os entroidos de Barreiro e Feira (1.600 €), a Asociación de Amigos e Amigas da Música de Salceda (22.000 €), o CEP Altamira (1.200 €), o IES Pedras Rubias (2.400 €) e a Asociación de Xubilados e Pensionistas (3.000 €).
No eido deportivo, 22.551,40 € son para as Escolas Deportivas Municipais, 18.000 € para o Caselas C. F., 4.550 € para os Clubes de Balonmán e Baloncesto e 400 € para o Club Ciclista Aragonta.
Dende a Concellaría de Facenda que dirixe Jose Luis González, insístese no enorme esforzo financieiro que supón para o Concello manter estas subvencións, sendo perfectamente conscientes de que na maioría dos casos supón a supervivencia de moitas entidades que doutro xeito non terían capacidade de saír adiante.
Os convenios pretenden ofrecer un importante apoio ás diferentes asociacións, xa que todas elas realizan unha enorme actividade ao longo de todo o ano, que fai que Salceda sexa coñecida pola multitude de opcións de ocio durante os 365 días do ano. Considérase tamén fundamental o apoio ás actividades dos centros escolares públicos, que a pesares de non estar dentro das competencias dos Concellos reciben tamén unha aportación municipal.
As subvencións de maior importe son as que reciben a Asociación de Amigos e Amigas da Música, que engloba a Escola de Música de Salceda así como a Banda de Música, movendo en total máis de 400 rapaces de tódalas idades, e as Escolas Deportivas Municipais, que no seu caso moven máis de 500 persoas.
O Concello colabora ademáis durante todo o ano coas diferentes asociación co préstamo de material, donación de libros para as súas bibliotecas, asesoramento e información nos trámites con outras administracións…
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O movemento asociativo como motor das demandas dos cidadáns e cidadás, como interlocutores diante das administracións e como dinamizadores sociais e culturais nos seus ámbitos de actuación. Cada euro investido nas asociacións culturais e veciñais é un euro ben investido. No referente ao eido educativo, non nos podemos esquecer que estamos a falar dunha competencia autonómica, non municipal, na que o Concello fai unha importante aportación económica para que os nosos fillos e fillas poidan desfrutar da mellor calidade no ensino. No ámbito deportivo, Salceda ten que seguir a ser coñecida ao longo de toda a xeografía galega polo seu enorme potencial deportivo, e dende o Concello seguiremos a ofrecer todo o apoio posible ás entidades e clubes que traballan día a día neste eido.“