VII Mostra Exposición da Camelia en Salceda de Caselas

2015.03.10 Camelia

A Concellaría de Turismo do Concello de Salceda de Caselas, dirixida por Loli Castiñeira, ven de presentar a VII edición da Mostra Exposición da Camelia, que se vai celebrar no Auditorio Municipal do Concello esta fin de semana (sábado e domingo).

A mostra inaugurarase o sábado ás 16:00 horas, con presenza dos máis de 50 expositores chegados de toda Galiza e do norte de Portugal, que darán mostra da infinidade de variedades de camelia que se poden atopar nos máis coloridos xardíns, e que en Salceda encherán máis de 100 metros de exposición. Para o acto inaugural contarase coa actuación do Grupo Didáctico de Antón Corral, que porá a nota musical do evento.

O domingo poderase visitar a exposición durante todo o día, contando ademáis coa actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos no mesmo Auditorio Municipal.

Para a organización destas xornadas, a Concellaría de Turismo conta coa colaboración da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda, así como da Asociación de Mulleres Rurais.

Ademáis contarase coa presenza da bióloga Elena Español (Vigo), que ofrecerá a súa marmelada realizada con pétalos de camelia, e que decidiu realizar despois de probar os pétalos de rosa en Inglaterra.

Loli Castiñeira, Concelleira de Turismo: “un ano máis Salceda convértese no punto de destino de centos de apaixoados do mundo da camelia. Agradecemos especialmente a colaboración do tecido asociativo que sempre nos bota unha man neste tipo de eventos”.

Gabinete de prensa, 04 de marzo de 2015

 

Foto: Loli Castiñeira cos representantes das Asociacións de Mulleres Rurais e de Pensionistas.