Salceda traballa a loita contra a Violencia de Xénero nos colexios

O Concello de Salceda ven de rematar as actividades organizadas polas Concellarías de Igualdade e Ensino de Salceda de Caselas, dirixidas a concienciar e informar aos máis cativos sobre a importancia da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. As actividades leváronse a cabo no CEP Altamira e no IES Pedras Rubias, dentro da subvención para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero da Deputación de Pontevedra.
Tere Pérez, Concelleira de Igualdade e Ensino, afirmou que na maior parte dos casos atopámonos con que os/as nenos/as e rapaces/as das novas xeracións, pola época na que lles tocou nacer, non son conscientes do papel de loita e rebeldía que tiveron que asumir moitas mulleres de todas as partes do mundo para acadar dereitos dos que gozamos hoxe en día. Ao par disto, tamén resulta de vital importancia axudarlles a reflexionar e facerse conscientes de que na actualidade, a pesar dos avances experimentados, as desigualdades de xénero seguen profundamente arraigadas na nosa sociedade. Coa posta en marcha desta iniciativa queremos deixar patente unha idea fundamental: que o cambio e o poder para obtelo está nas súas mans. Eles/as representan o futuro da nosa sociedade e teñen a responsabilidade de convertela en máis xusta e igualitaria.
No caso do CEP Altamira traballouse co alumnado de 4º e 5º curso, con actividades de estimulación artística en igualdade, que deron como resultado a elaboración dun libro de contos creados polos propios alumnos e alumnas, que proximamente se fará chegar ao propio colexio.
No IES Pedras Rubias tratouse de facer conscientes ás rapazas e rapaces da importancia da diversidade e de como na súa comprensión e aceptación se sentaban as bases para alcanzar a Igualdade. Recorréronse diferentes temas a través das actividades propostas como foron a diversidade das persoas, a diversidade de orientación sexual e a diversidade nas familias.
Con estas actividades búscanse obxectivos como sensibilizar sobre a importancia da igualdade de xénero a nivel social e persoal, ensinarlles a ser críticos/as coas desigualdades, as mensaxes transmitidas polos medios de comunicación e os estereotipos para poder romper con eles, facer conscientes aos/ás nenos/as e rapaces/as da evolución que se viviu en termos de igualdade a través dos tempos, conseguir que reflexionen acerca de todo o que aínda está por acadarse en termos de igualdade de oportunidades para mulleres e homes ou facelos/as conscientes de que deles/as dependerá que esta sociedade sexa no futuro máis xusta e igualitaria.

Gabinete de prensa, 26 de febreiro de 2019