500 variedades de camelia esta fin de semana en Salceda

TER_1261 copia

A Casa da Cultura Castelao serviu de escenario esta mañá para a presentación da XI Mostra-exposición da Camelia, que se celebrará en Salceda de Caselas esta fin de semana. Na mostra participarán 75 persoas chegadas de toda a xeografía galega, Portugal e Asturias, que amosarán máis de 500 variedades desta flor de orixe oriental, que se estenderán ao longo de máis de 160 metros de exposición.
Loli Castiñeira, Concelleira de Turismo e encargada da xestión da mostra, tivo palabras de agradecemento para tódalas persoas expositoras, así como para os colexios participantes, destacando este ano ademais a participación por vez primeira de AFAGA (Asociación de familiares de enfermos/as de alzheimer de Galicia). Destacou así mesmo o papel fundamental das asociacións de mulleres rurais e xubilados/as e pensionistas de Salceda, fundamentais na organización e desenrolo dunha mostra que se ten convertido xa na de maior dimensión de toda Galicia.
Antonio Rivero, Presidente da Asociación de Xubilados/as e Pensionistas e coorganizador da mostra mencionou as máis de 500 variedades de flor que se poderán ver esta fin de semana, destacando ademais os produtos derivados da camelia que se poderán tamén coñecer na mostra, tales como marmelada, te, madeira ou aceite, que estarán presentes grazas á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que realiza unha labor fundamental no estudio e difusión das diferentes posibilidades que ofrece esta flor.
O domingo celebrarase ademais unha nova edición da feira de agricultura ecolóxica e mercado sostible, da man de Ekohuerta, con produtos reciclados e de segunda man, cosmética natural, oficios tradicionais, etc. En palabras de Manuel Nieto, responsable de Ekohuerta, a feira contará con 50 participantes chegados dende toda a xeografía galega, destacando a presenza de artesanía e repostería provinte de Marrocos.
A fin de semana complétase con diversos actos de programación cultural complementaria, como o concerto das Donicelas o sábado ás 16:30 ou o das Maimiña o domingo ás 17:00, os dous no Auditorio Municipal.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, lembrou as máis de 2000 persoas que visitaron a mostra na pasada edición, e que este ano aspiran a superar. Agradeceu o traballo de tódalas persoas e colectivos que fan posible a mostra: asociacións, voluntariado, colexios, etc. O alcalde aproveitou ademais para convidar a visitar Salceda durante esta fin de semana non só ás persoas amantes da camelia, senón tamén ás que se acheguen a desfrutar da ampla programación preparada para toda a fin de semana.
Gabinete de prensa, 21 de marzo de 2019