Salceda reúnese en comisión de traballo para a constitución dunha mesa de intervención comunitaria en saúde e benestar

O concello de Salceda celebrou no seu salón de plenos a primeira comisión de traballo no eido de saúde e benestar presidida pola alcaldesa Verónica Tourón.

Esta iniciativa impulsada pola coordinación do Centro de Saúde de Salceda, estivo formada por profesionais da sanidade, ensino e servizos sociais do municipio, xunto coa concelleira de sanidade, educación, infancia e benestar Gela Ledo, e a alcaldesa.

O obxectivo fundamental da comisión é crear unha Mesa de Intervención Comunitaria en Saúde e Benestar na que participen ademais das persoas que compoñen a mesa, representantes dos diferentes consellos sectoriais do Consello de Participación Veciñal de Salceda.

Esta Mesa ten como finalidade identificar, a través dunha diagnose exhaustiva, coa aportación das distintas áreas e colectivos participantes, as necesidades comunitarias neste senso e poñer en marcha medidas, actuacións e iniciativas que axuden a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza, poñendo principalmente o foco na infancia, mocidade e persoas maiores.

A comisión volverá a reunirse o próximo 2 de marzo co cometido de facer unha análise conxunta da situación actual, marcar as prioridades e os retos do futuro, para establecer medidas concretas ao mesmo tempo que se traballará de xeito paralelo na formalización da Mesa de Intervención Comunitaria en Saúde e Benestar.

Dende o concello, Verónica Tourón e Gela Ledo, valoran de xeito moi positivo a posta en marcha desta comisión e trasladaron o agradecemento ás profesionais dos distintos eidos que forman parte, “todas elas excelentes profesionais no eido da saúde, ensino e atención social”. Unha Mesa que xunto coas persoas dos consellos veciñais nos vai axudar a poñer en marcha importantes iniciativas para mellorar o benestar da veciñanza do noso municipio.

 

Gabinete de prensa, 16 de decembro de 2022